Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Teléfono do Neno?

jueves, 18 de abril de 2013
Cando eu era nena, non había teléfonos en todo o contorno, nin siquiera había luz eléctrica.

A escola tiña un valor relativo pois moitos nenos tiñan que colaborar nos labores agrícolas: chamar as vacas cando ían arar, ir coas vacas para o monte, e labores así.

A mestra cansábase de preguntar por que faltaban á escola.

A resposta era sempre a mesma: “Tuve que ir con la vacas” “Fui llamar las vacas”.

Supoño que a mestra castelán-falante sacaría as súas conclusións de que significaban tales expresións.

Eu fun unha nena moi afortunada nese sentido, pois nunca faltei á escola por axudar na casa.
Non faltei por axudar pero faltei por outro motivo.

Tiña unha amiga que faltaba moitas veces á escola porque os seus pais mandábana ir coas vacas un día si e outro tamén.

Ela era un ano maior que min e ademais levábame moita ventaxa en picardía.

Un día díxome:
“Escóndete por aí detrás para que non te vexan meus pais porque hoxe ves comigo, que teño que ir coas vacas”.
“Xogaremos toda a tarde, pasarémolo moi ben e despois vas para a casa e non se entera ninguén”.

Eu así o fixen. Era un día soleado e daba gusto estar fóra.

Fun con ela e máis coas súas vacas para unha chousa pechada en por sí, na que as vacas pacían con entusiasmo mentres que nós buscábamos algo para xogar.

Tratábase de xogo imaginativo, simbólico. Os materiais empregados eran: pedriñas, paus, follas, casca dos piñeiros, arume, etc.
Botabamos a imaxinación a voar e faciamos de todo.
Lembro que as lustrosas follas de acivro eran coelliños e daban xogo para moito.

Tan rápido se nos pasou o tempo que xogamos toda a tarde. Decatámonos que había que volver para a casa porque a noite se nos viña encima.

Daquela hora miña tía xa levaba removido Roma con Santiago na procura da súa neniña da alma.

Preguntara a tódolos veciños e ninguén sabía nada de min. Sabían que non fora á escola; pero non sabían o motivo.

Estaba literalmente desesperada, fóra de si, pensando no que me podería pasar.

Cando cheguei á casa, armouse “a marimorena”.

Lembro a miña tía encendida como se tivera lume no rostro, coa cadea da mula na man e en ademán de colgarme na viga que había ó pé da lareira, onde se colgaba o porco pola matanza.

(Unha escenificación teatral auténtica)

Eu, mortiña de medo, porque nunca así a vira.
Xa me vía alí pendurada igual que cando mataban o porco...
¡Pobriña de min!

Grazas que interviñeron outros membros da família e eu vin o ceo aberto.

Pasado un tempo, funme á cama pero non durmín co remordemento de conciencia, aínda que en certa medida a culpa fora da miña amiga.

Tiña moi claro que aquelo non acabaría aí, porque a miña tía estaba rabiosa de verdade. Nunca máis a volvín a ver daquela maneira.

Á mañá seguinte, colleume por un brazo camiño do cortello dos porcos e meteume alí. Grazas que por aquel entón estaba baleiro.
Cando ía camiño do cortello, pensaba que quedaría alí por tempo indefinido.

Unha vez dentro, miña tía pechou a porta desde fóra pasando ruidosamente o ferrollo e deuse a volta.

Acto seguido, empecei a berrar con tódalas miñas forzas. Berrei e berrei como se me arrincarn un ril en vivo.

O obxectivo era que oíran os veciños e se provocara un escándalo. Desa maneira alguén sacaríame daquela prisión.

A miña tía seguramente que sufría máis que min; pero naquel intre demostrábame todo o contrario.

Non lembro o tempo do meu encerro.
É probable que non estivera alí nin cinco minutos, pero o susto foi tanto que aínda o lembro moitas décadas despois.

Eu escarmentei.

TIÑA CLARAS TRES COUSAS:

-Sabía que fixera algo malo.

-Que a miña amiga me tentara
.
-E que nunca máis o debía facer.

E PUNTO FINAL.

Naqueles tempos os nenos non tiñamos a quen reclamar, nin falta que facía.

Se esto ocorrera nestes tempos “tan civilizados”, eu chamaría ó teléfono do neno, a noticia sairía na prensa como que unha tía sen corazón, maltrataba a unha sobriña de curta idade.

Á miña tía caeríalle o pelo e quedaría calificada como maltratadora da infancia. ¡Que horror!

Eu seguiría faltando á escola tantas veces como me tentara a miña amiga ou por outras razóns.

Perdería unha etapa preciosa da miña vida, sería unha analfabeta e vostede nunca podería ler os meus escritos nesta sección de Galícia Dixital.

Sábese que algúns pais maltratan os seus propios fillos con duros castigos ou golpes, pero tamén se sabe que hai outros moitos que os “maltratan” e que “os botan a perder” por darlles vicio de máis, aínda que destes últimos non se fala nos medios de comunicación de masas.

Xa sei que non se pode xeralizar e que todo é moi relativo, pero en calquera caso o tema pode ser interesante.

¿Non lle parece?

¿Sería interesante tratar este tema nas ANPAS dos colexios e tamén nas asociacións de persoas maiores?

VOSTEDE TEN A ÚLTIMA PALABRA

Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES