Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A venda da Galicia Rural

lunes, 15 de abril de 2013
Compás social

A VENDA DA GALICIA RURAL

Sen dúbida que este titular é desmedido, como moitos utilizados polos medios de comunicación que toman a parte polo todo; non obstante, pode indicarnos unha dinámica que tende a converterse en predominante a medio prazo. Recentemente bastantes medios de comunicación falaron e escribiron sobre as case 1.500 aldeas abandonadas na Galicia rural. Abandono total ou parcial de casas, aldeas enteiras e terras rurais. Quizá fora máis axeitado falar de “vendas na Galicia rural”, matizando o máis posible a amplitude e as características dese fenómeno social.

Esta cuestión formou parte das miñas preocupacións e reflexións desde hai bastantes anos. E pasaron xa máis de vinte anos desde que un emigrante, exlabrego de Navia de Suarna, facía esta predicción: “as miñas terras e as dos meus veciños xa hoxe valen pouco, pero valerán aínda menos dentro de vinte anos. Entón, nese intre de despoboamento, o goberno ou outros axentes especuladores quedaranse con elas a prezo de saldo para facer coutos redondos para outros. Xustificarán todo iso coa escusa da función social da propiedade;, pero, despois de botarnos fóra, esa función social será para proveito de xentes alleas ó campo, non para os nosos fillos. Eu amañei a casa que me deixou miña tía, e coa axuda dun veciño aínda cultivo un horto; mais dentro de pouco terei que deixar todo, pois o meu fillo apenas mostra interese. Navia de Suarna é un dos 31 concellos declarados zona “ZERA”, (Zonas en Risco de Abandono). Podería recargar estas reflexións de estatísticas regresivas sobre a Galicia rural, mais é mellor pescudar a dinámica subxacente ós feitos concretos aparentemente inconexos.

Naquel intre de estudos -refírome as décadas de 1980 e 1990- xa se acadaron algunhas conclusións: un alto porcentaxe da Galicia rural xa estaba orientada cara ó abandono: primeiro de montes, logo de terras en minifundio e finalmente o baleiro de vivendas e construcións anexas. Razóns? Primeira, as emigracións sen retornos o mesmo lugar de partida, logo o avellentamento do resto da minguada poboación rural e, envolvendo todo ese devir silencioso, o círculo vicioso de non fornecer de servizos nin de reformas adecuadas o medio rural disperso. Eses síntomas xa impoñían a súa lei, e só faltaba que operasen a gran escala.

Persoalmente tiña unha espera esperanzada: os desprazados ás cidades galegas e españolas, e os emigrados ós próximos países europeos, mesmo que non voltasen en idade laboral, non querían vender as súas mellores terras e moito menos a vivenda familiar herdada dos seus pais ou parentes colaterais. Ese patrimonio non era só un refuxio de saudade, senón unha reserva de seguridade para as vacacións, para a xubilación ou para o futuro ocio e recreo de fillos e netos. En consecuencia, o que procedía era arrendar as mellores fincas ós veciños con explotación gandeira, esquecendo as miudezas do minifundio e mantendo habitable a casa petrucial. Certo que nesta lóxica sempre houbo lugar para compra-vendas de urbanitas ansiosos de fuxir da cidade e de estranxeiros á procura de novas experiencias. E eses novos veciños rurais trouxeron novas iniciativas e novas formas de vida ó medio rural.

Mais os axustes desta dinámica, relativamente equilibrada, teñen trazas de derrubarse coa chegada e persistencia da crise, combinada con outros factores. Moitos mozos nacidos no medio rural, empapados xa de mentalidade urbana, preferiron asalariarse e comprar un pisiño na vila ou na cidade, deixando sen os coidados necesarios a casa da aldea. Os desprazados ás cidades galegas ou españolas xa teñen fillos, netos e incluso bisnetos, e moitos deles xa non teñen saudade do recuncho dos antergos, ou non poden asumir os gastos de mantenemento desa herdanza por estar en paro, ou mesmo precisan vendela para tapar necesidades. Moitos emigrados a Europa téñeno tanto ou máis compricado: unha maioría viveu no país de destino de forma provisional que xustificaba calquera sacrificio; mais á segunda e terceira xeración pouco ou nada lles di ese herdo dos proxenitores. A memoria e a historia son un cemiterio cheo querenzas e de esquecementos. Vista a cuestión desde outra perspectiva, os baixos prezos dos produtos agrogandeiros e as incertezas e inseguridades actuais das explotacións gandeiras empuxan ó peche e ó abandono, desvalorizando terras e casas.

Antes, durante unha trintena de anos, todo ía acompasado e lento como correspondía á idiosincrasia galega; mais agora, desde hai tres ou catro anos, acelerouse o ritmo de compra-venda de terras e construcións rurais. O gran arquivo de información mediática, especialmente Internet, acumula xa moitas demandas e ofertas de casas e terras na Galicia rural e noutras zonas rurais desvalorizadas. Ademais a formidable rede de xornais, radios e televisións arrimouse non só para informar, senón para ofrecer publicidades rotundas: “polo modesto prezo dun piso, compre un pobo enteiro”. Segundo estes voceiros globais, a Galicia rural ten 1.408 aldeas abandonadas e outros 2.000 asentamentos a piques de baleirarse. En concreto, Lugo ten 611 aldeas finadas, A coruña 540, Ourense 122 aínda que resiste con todos os seus núcleos habitados, e Pontevedra conta con 155 asentamentos totalmente deshabitados. En total, calculan que en toda Galicia hai unhas 3.460 entidades sigulares de poboación abandonadas ou en agonía irreversible. Esta situación ten un reverso: un gran potencial de mercado inmobiliario a disposición das axencias de compra-venda, con bos choios destinados ós afortunados nacionais, ós nórdicos, ós árabes e mesmo ós asiáticos se se tercia.

Non pretendo ser o último ou penúltimo lamento galego. En todo fluxo complexo e masivo de poboación hai aspectos negativos e positivos. A cuestión é saber canalizar esas mobilidades. Moitos novos veciños da Galicia rural trouxeron melloras a imitar e crearon moitos negocios ou pequenas empresas; e esa dinámica pode repetirse a maior escala. O problema, ó meu entender, pode estar nas grandes empresas que acaparen grandes extensións e aldeas a prezo de saldo e para fins de inercia social. Sería o retorno á idade media. Outro posible fardo de interrogantes podería atoparse nos grupos e responsables políticos dos concellos rurais e dos banzos superiores das administracións, que non defendan axeitadamente o patrimonio natural e histórico-artístico nin a economía produtiva do medio rural, sometido ó “deixar facer” ou á políticas erráticas.

En conclusión, a mobilidade da propiedade inmobiliaria rural, como agora lle chaman, pode ser unha gran oportunidade se se canaliza e controla, ou pode ser un novo fracaso imperdoable.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES