As insoportables insensateces
Rubal, Pedro - lunes, 15 de abril de 2013
Que os humanos cometamos erros na vida; que en todo o decurso desta teñamos condutas, a veces, pouco coherentes co que se espera de nosoutros; que tratemos de alardear do que xustamente non temos; que defendamos a fortaleza económica da familia respondendo a un certo egoísmo, posto que os altruísmos, na maioría dos casos, adoitan ser actitudes egoístas solapadas pola lapela da hipocrisía; que sexamos apaixonados defensores dos nosos ideais; en fin..., que vexamos como coloquialmente se di a viga no ollo alleo, e a palla no noso, pode todo explicarse pola nosa esencial imperfección e ata porque somos realidades persoais que nos vamos facendo a través do noso recorrido vital, corrixindo unhas cousas, endereitando traxectorias torcidas e aceptando recoñecementos que tiñamos teimosamente rexeitados. Ao fin e ao cabo, recibimos por natureza impulsos de supervivencia que non sempre, pola súa condición instintiva, somos capaces de controlar razoablemente.
Sen embargo, no século XXI, como integrantes de sociedades cunha importante herdade de experiencias no campo da convivencia cidadán, o gozo dunha tradición cultural humanística e un impresionante éxito na investigación científica e aplicación tecnolóxica da mesma, se non está pasando algo nos procesos neurolóxicos do home que o xustifique, hai comportamentos e insensateces que, polo que teñen de perigosas para unha convivencia a nivel destes tempos, fanse insoportables, inconcibibles, altamente irracionais e dunha torpeza incrible. E se non vexamos:
O caso do paxariño. ¿Pode un pobo, coma o venezolano, contar cun número multitudinario de persoas dispostas a elixir a un posible presidente que é capaz de facer crer ós cidadáns que un paxariño é o emisor do defunto Chávez?. Un presidente este que, segundo parece, loitou contra un neocapitalismo desalmado e trouxo algún remedio para a pobreza (que, no peor dos supostos, non sería pouco), non se entende que se lle ocorrera deixar a un sucesor de tan poucas luces para unha misión que el consideraba decisiva para ese país, e moito menos manifestar as súas orientacións doutrinais, ao aspirante a sucesor, mediante os rechouchíos dun anxo tan charramangueiro.
Mísiles con cabeza atómica. Cando en Corea do Norte ou EE.UU. se fai ostentación nun desfile militar ( tamén no século XXI...!) de armamentos capaces de exterminar a Humanidade, mentres nas salas universitarias se está argumentando sobre dereitos humanos, principios éticos e escala de valores, o mapa do encéfalo e o xenoma humano, a posibilidade de inxectar virus intelixentes capaces de recoñecer células cancerosas e destruílas, os modelos matemáticos axeitados para axustar traxectorias económicas e espaciais, as estruturas adecuadas para articular os elementos compoñentes dunha complexa globalización, etcétera, etcétera, é que algo está ao borde de inverter o proceso evolutivo nas mans do seu maior éxito: a racionalidade do home.
África e Oriente Medio. Escenario de experiencias bélicas que poñen en evidencia o fracaso da política exterior das Grandes Potencias Mundiais e da ONU, e a nulidade neste campo da UE. En todo caso, laboratorio das insensateces PRE- e POST- inicio do estado bélico, incluídas as do colonialismo.
A lingua. Non a da farfallada política, e non política, a fisiolóxica dunha señoría da capitalidade do noso país - xustamente cando o pobo está en niveis altos de descontento non só polo comportamento funcional dos políticos, senón tamén pola súa mala educación e lixeireza expositiva -, que se permitiu revivir un aceno pueril, de neno de preescolar, dirixido a unha compañeira do parlamento. Isto, amigos lectores, é merecedor do summum da exemplaridade pedagóxica e dun lugar destacado nas antoloxías da oratoria parlamentaria, tanto pola súa brillantez como pola contundencia argumental...!, dito e entendido, claro está, con todo sarcasmo.
Fotos. Miren por onde unhas fotos poden resolver os graves problemas que afectan a economía, ao ensino, á sanidade, á xustiza dun país, neste caso dunha nacionalidade. É, señores parlamentarios e investigadores das realidades sociais fundamentais, algo tan importante como alternativa ás solucións dun goberno, que si se houbera tido coñecemento delas nas eleccións, os derrotados (léase bipartito) sairían mellor parados. E o pobo...?. Este non conta, porque a solución está en que certos partidos, como axencias de colocación, tiveran éxito e participación no pastel. Qué pena...!, pois non estamos para fotos, señores, senón para a proposta de solucións alternativas razoables aos problemas deste noso país, e tampouco quixéramos estar todos os días soportando as miopías ás que nos teñen acostumados os que cren que o pobo participa das súas parvadas.
Institucións. Nada hai que dicir. Todo está dito e desconsideradamente desatendido. E conste que moitos españois teñen opinións e caderno de notas. En todo caso, hai que ser coidadosos coa boa reputación das institucións dun estado; pero quen as personifica ben podía ser máis vixiante da súa propia dignidade, aceptando as limitacións que lle son consubstanciais ou renunciando a súa función.
Non esperen moito apoio e comprensión dun pobo apremado por tantas e tan insoportables insensateces, precisamente nun momento no que está encadeado a tantas e tan diversas patoloxías, cuxa terapia xa non pode ser preventiva, senón reparadora e con secuelas, que hai que tremer co medo de que teñan un alcance CONSTITUTIVO, non só constitucional, xa que cando se derruban referencias tidas por básicas e non se albisca nada no horizonte, é lóxico que se desencadee un estado de desacougo histérico e caótico, presaxiado por un pesimismo non pouco xustificado.
E non se albisca nada no horizonte principalmente porque os que teñen a responsabilidade de gobernar séntense desconcertados e superados pola complexidade da situación, encerrándose nun círculo vicioso, pois a única decisión que toman é a de anular a toma de decisións, mediante parcheados que ocultan os verdadeiros problemas, que, como ninguén xa ignora, creou a insensatez e incompetencia, no seu día, deles mesmos, e valla como exemplo a constitución dunha Unión Europea que ten de todo menos de unión, como o evidencia o feito dos cruces competenciais e a carencia de eficacia na coordinación solidaria, algo que só se evidencia con toda a súa crueza cando é mester poñela en práctica.

Rubal, Pedro