Un papa para renovar a fondo a Igrexa?
Pérez Prieto, Victorino - viernes, 12 de abril de 2013
A chegada de un novo papa ocupou en días pasados aos medios de comunicación de todo o mundo, coma ocorreu sempre desde que existen, ou mesmo máis. É evidente que tanto da banda da xente cristiá e relixiosa, como da que non o é, semella non ser indiferente quen ocupe ese posto. O papa é un símbolo para ben ou para mal; un dos poucos que quedan na sociedade do século XXI, xunto co Dalai Lama e algún máis. Estamos en tempos de desesperanza e este home chegado da Arxentina semella traela.
Jorge Mario Bergoglio escolleu un nome orixinal e significativo: Francisco; e fíxoo polo poverello de Asís, o Francesco radical e ecoloxista. Máis aínda, un Francesco que recibe no seu encontro co Cristo crucificado da capela de San Damiano, a encomenda de renovar e cambiar a fondo a Igrexa: Francisco, vai e restaura a miña casa, que está en ruínas. Francisco tomou ao pe da letra estas verbas e reconstruíu a igrexa da Porciúncula, en Asís; pero logo decatouse de que esa restauración debería ser máis ca iso: a restauración espiritual da Igrexa. Entón comezou o seu movemento de renovación da Igrexa. Será esta a intención do Papa Francisco? Os seus primeiros signos semellan ir por aí: facer unha igrexa fora dos pazos e dos símbolos del poder, nun compromiso coa liberación dos oprimidos. Non é de estrañar que o chamaran o novo Xoán XXIII. Oxalá sexa así; os seus feitos o dirán.
O coñecido teólogo brasileiro progresista Leonardo Boff escribiu: Por qué o cardeal Bergoglio elixiu o nome de Francisco? Creo que foi porque se deu de conta de que a Igrexa está en ruínas... Francisco non é un nome, é un proxecto de Igrexa, pobre, sinxela, evanxélica e desprovista de todo poder. Unha Igrexa que anda polos camiños a carón dos últimos, que crea as primeiras comunidades de irmáns que rezan baixo as árbores cos paxariños. Unha Igrexa ecolóxica que chama a todos os seres coas palabras de «irmáns e irmás». Foi o seu programa ante os poderosos o pasado 19 de Marzo.
Un novenario para coñecer ao Papa Francisco
Quen é este papa que veu de ultramar? Seguindo o xeito do meu mestre Panikkar, quero expresalo cun novenario, nove afirmacións rápidas que poden identificalo:
1º. Un Papa latinoamericano, ponte entre América e Europa. Bergoglio naceu na Arxentina de pais emigrantes italianos. É o primeiro papa non europeo, que veu da periferia, pero ten as súas raíces en Europa. Isto posibilítao para ser unha ponte excepcional; oxalá tamén con Oriente.
2º. Un home popular, sinxelo, e
con cara de boa persoa. Presentouse non coma un rei, co manto de púrpura habitual dos papas, senón só coa sotana branca; e sen cruz de ouro, senón co seu pectoral de prata ennegrecida. As súas primeiras verbas non foron as típicas grandilocuentes deles; foron sinxelas, como as que diría calquera: Boas tardes irmáns e irmás (as mulleres non son invisibles). E, antes de bendicir á xente, como posuidor do poder de Deus, pide que a xente o bendiga a el e baixa a cabeza para recibir a súa benzón. Isto preséntao coma un papa pastor, párroco, máis que xestor.
3º. Un home de ciencia e de fe. É Licenciado en Ciencias Químicas, e tamén estudou Humanidades nun centro laico; por tanto, ten unha formación científica, ademais de teolóxica. E semella ser un home
profundamente relixioso, orante, devoto
4º. O primeiro papa xesuíta. Ven da Compañía de Xesús; unha orden historicamente perseguida e, sobre todo no s. XX, polos sectores máis ultras polo seu compromiso coa teoloxía da liberación. Isto para moitos é garantía de que pode facer algo bo.
5º. Falouse do seu pasado con momentos escuros. Na véspera do conclave, os cardeais recibiron correos sobre a suposta colaboración de Bergoglio coa ditadura de Videla, cando era arcebispo de Buenos Aires. A xustiza citouno logo para testificar sobre a desaparición de dous xesuítas torturados na ESMA (Franz Jalics e Orlando Yorio). El dixo que fixera todo o posible para que Videla os soltara. Na súa defensa interveu, entre outros, o Nóbel Pérez Esquivel: Houbo bispos cómplices da ditadura, pero Bergoglio non foi un deles.
6º. Conservador (senón non seria primado e cardeal)... ma non troppo. Como arcebispo de Buenos Aires, tivo grandes enfrontamentos cos Kirchner, sobre todo coa presidenta Cristina, pola lei de matrimonios homosexuais; pero os sectores máis conservadores tacharon a súa posición de tibia, porque propuña a unión civil entre homosexuais como alternativa ao matrimonio. Distante do Opus Dei, dos Legionarios de Cristo, etc. apostou por unha igrexa vertebrada nas parroquias e reforzou a presenza de curas villeros nos barrios de chabolas, e criticou aos que se negaban a bautizar aos fillos de nais solteiras. Non é de estrañar que un coñecido blogueiro católico ultra, Fernández de la Cigoña, o cualificara días antes de ser elixido coma un home de mirada torva, conducta cobarde y propósitos dudosísimos. Si alguno nos lo presentan como el nuevo Papa deseable. ¡Qué Dios salve a su Iglesia!.
7º. Tenrura e bondade, pero dureza contra a pobreza. Unha das loitas constantes do actual papa Francisco foi denunciar a pobreza. Chegou a denominar Buenos Aires como unha fábrica de escravos e unha picadora de carne, en alusión á trata de persoas. Oxalá teña man firme e valente para as reformas urxentes que debe facer na Igrexa.
8º. Man aberta a outras relixións. Bergoglio foi o primeiro representante católico que visitou a sede da Asociación Israelita Argentina. E participou en diálogos interreligiosos con musulmáns e irmás de outras relixións
9º. E... tamén sabe escribir. A pesar de non chegar á exuberancia literaria de Ratzinger, Bergoglio é autor de varios libros (Meditaciones para religiosos 1982, Reflexiones sobre la vida apostólica 1986, Reflexiones de esperanza 1992
) e co-autor de Sobre el Cielo y la Tierra, escrito co rabino Abraham Skorka e outros autores, insistindo na idea de aliar relixións). Esperemos que nos regale algunha boa encíclica.
Que queremos do novo papa?
Finalmente, de maneira telegráfica, que quero e que queremos moitos do novo papa:
- Que faga realidade na Igrexa a opción polas persoas que viven na pobreza; que se poña do lado dos que sofren e se enfronte aos que causan ese sufrimento. E que o faga con coherencia, comprometéndose coa xustiza e renunciando ás riquezas e privilexios.
- Que abra a Igrexa aos novos tempos. Integrando en igualdade ás mulleres en todos os estamentos; particularmente no sacerdocio. Incorporando plenamente aos curas casados, abolindo a obrigatoriedade do celibato. E que escoite e incorpore aos leigos en postos de responsabilidade na Igrexa.
- Que loite contra as intrigas, conspiracións e intereses no Vaticano, froito da sede de poder e de riqueza. E que teña coraxe para cambiar radicalmente a curia, facéndoa transparente e democrática; particularmente na xestión dos diñeiros do Vaticano (IOR).
- Que impulse un avance na colexialidade e na democratización dos órganos e cargos eclesiais, para ter unha Igrexa na que todos y todas nos sintamos escoitados e unidos.
- Que incorpore de novo a reflexión e a opinión de tantos teólogos marxinados e tanta xente valiosa excluída por non pensar coma os xerarcas.
- Que traballe con sinceridade pola unión das igrexas cristiás, e pola apertura real da Igrexa a todas as demais relixións.
- Que loite polo verdadeiramente importante na Igrexa: o Reino de Deus; ou sexa, a felicidade das persoas. Que a Igrexa se abra plenamente aos divorciados, aos homosexuais
a unha sexualidade maduramente e libremente vivida.

Pérez Prieto, Victorino