Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Das homilías do Pai Andrés (III)

viernes, 12 de abril de 2013
Inda sabendo moi ben que eu non podo recoller nin de lonxe a prédica do Pai Andrés, seguirei intentandoo.

9 / 8 / 2009 (8º domingo despois de Pentecostes)

Despois de ler o evanxeo, o pai Andrés avanza coma sempre cara a asemblea e lémbranos que Cristo declarouse o pan da vida por antonomasia; un pan de camiño que levaranos da man ata o ceo.

“Pero -di- hai unha cousa nesta ensinanza que a min gústame especialmente. I é que o pan é unha cousa que está aí, humilde pero en tódalas mesas. Parece que Deus quixera que os signos da súa presenza foran signos pretos de nós. De algún xeito semella dicirnos quero estar tan cerca de vos que me fago pan. Unha mesa, un mantel ,un pan son signos de fraternidade ¡canta fraternidade coma signo da presenza de Deus temos recibido! Deus faise presenza para nós no próximo, no pobre, no veciño, nos signos ordinarios da vida, no traballo de cada día Deus está aí, non quere ser un Deus ausente, distante, senón cercano; un deus que se fai pan.¿E pode haber máis cercanía, máis facilidades para encontralo, ca esta?”

“E, outra cousa: para o Mundo, esa presenza de Deus somos os cristiáns. Dalgunha maneira nós teríamos que ser tamén pan para os outros, un pan que se deixe comer. Dalgún xeito, este outro pan eucarístico debería comprometernos”.

“A boroa” ** -dí de pronto a Herminia, tranquilamente, clarísimamente, rompendo un profundo silencio que non se sabe ben de onde viña.

A intervención non desconcerta a ninguén nesta asemblea de familia e a xente disponse axiña a escoitar a opinión do señor cura xirando a cabeza de novo, todos a unha . Don Andrés, ríndose, acolle a proposta agarimosamente, sen reservas e incluso, despois de presentar á poñente polo seu nome ó mundo enteiro, subscríbea cunha estraña, case sobrenatural oportunidade : “a boroa, sí, a boroa; o pan tradicional de Galicia, o pan familiar noso, resistente e consistente, e que non se pasa; aguanta moito tempo na súa frescura e no seu sabor. Pois iso temos que ser todos nós, coma ela, como boroa para os outros” -conclúe afectuosamente don Andrés, índose xa cara o altar, sorrindo e satisfeito- .


16 / 8 / 2009 (9º domingo despois do Pentecostés)

Despois de advertir ós fregueses que, a partir de hoxe (inclusive), estas misas dominicais serían as nove e media, don Andrés comenta que alá polo século dous -fai xa dezanove- San Ignacio, bispo de Antioquía, fora conducido preso a Roma para ser entregado ás feras do circo. Os cristiáns de Roma quixeron evitarlle ó octoxenario ancián este sacrificio facendo algunhas xestións pero San Ignacio escribiulles de contado pedíndolles que, por favor, non lle impedisen a oportunidade do martirio porque “trigo son de Cristo -dicía- e quero ser moído”. “Tremendo ¿eh?¿eh?” -dicía emocionado o Pai-. “Son trigo de Cristo e quero ser moído...”
“Acordeime hoxe desta expresión de Ignacio de Antioquía –di don Andrés- porque cando dicimos que Xesús é pan de vida, debemos lembrar - coma no caso de Ignacio- que o pan non se fai sen sacrificio. Se a semente do trigo non cae na terra e desfaise, non pode dar froito; para que dea pan hai que pasar antes por tódolos procesos da sementeira, da invernía, do crecemento, da maduración, da diseminación e da moenda; igual que o noso pan. Pois ben, cando Xesús di eu son o pan da vida, quen come deste pan vive eternamente, quen come deste pan come a miña carne, está dicíndonos que, se o comemos, nós tamén somos parte dil. E, inda máis, que a Igrexa no seu conxunto é toda a carne de Cristo practicable. Isto non sería doado de entender se confundimos a Igrexa coa súa estrutura. A Igrexa somos todos nós. E este pan crea tamén entre nós fraternidade, comuñóns de irmáns; especialmente cos irmáns enfermos e cos que sofren, ós que facemos esta chamada á inmensa esperanza dunha unión”.
Coido que isto é algo máis que unha metáfora. Tamén espiritualmente “un é o que come” .


23 / 8 / 2009
O pai Andrés comenta que ”se notan as festas do verán na ausencia dalgúns habituais, pero moitos inda veñen dende lonxe para celebrar aquí a eucaristía, en San Frutuoso, en directo, en vivo, en VIVO -repite-, para que vostedes a través da televisión se podan unir e rezar connosco.”

“O evanxeo chámame hoxe a atención –comeza o Pai- cando di que algúns estaban escandalizados das palabras de Xesús; que lles parecía moi dura a ensinanza de que, mediante o pan da eucaristía, iba a estar sempre presente nas súas vidas; que non acababan de comprender o que con isto Xesús lles estaba dicindo e que de aquela, pensaban que o que tiñan que facer era abandonalo, abandonar a fe porque a fe non lles servía para nada”. Segundo o Pai Vilariño, a clave do asunto debía de estar para eles no seu concepto mesmo de Deus: “Rexeitaban a un Deus inimigo da vida feliz e, si fora así, eu tamén estaría de acordo con eles. Pero, inda que hai xente que pensa que os cristiáns creemos cousas raras e imaxinativas, eu non creo -nin vos tampouco- nun Deus que estea pendente do home para amolalo. Nós creemos nun Deus que é paz e festa pra o corazón”.

¡Que cousa máis triste esta de rexeitar, coma moitos, a un “deus” que só está nas súas cabezas!” A estes hai que dicirlles: non, mira, o verdadeiro Deus sorrí coma sorrí a Herminia, ¿eh? ¿eh? ¿a que sí? –dí persuasivamente o Pai Andrés- y está cerca das nosas vidas, está interesado nelas. Este e o Deus que interesa, non porque nos axude nas nosas dificultades senón porque a súa graza reforzada pola nosa debilidade nos permite encaralas con máis forza, doutra maneira.”

E agora que caio, cando penso na extremada sofisticación da creación, non teño más remedio que darlle a razón o Pai Andrés. Deus quere ultimar ben ás súas criaturas; é dicir, facelas finalmente ditosas, como á Herminia, coma nós con un pouco de paciencia.


(Domingo, non me lembro de que data)

Coma de costume, o Pai Andrés lee o evanxeo do día pero hoxe hai na súa voz unha poderosa e inesperada elocuencia que lle ven de lonxe. Pola súa relevancia e utilidade ben merece a pena evocala: ”Escoitádeme todos e procurade entender -dí Cristo no evanxeo-. Nada do que hai fora do home pode manchalo nin entrar en el, pero o que sae do home, iso sí que mancha. Porque de dentro do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas , as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia e os desatinos; todos eses males nos saen de dentro”.

Despois, antes de comezar a Homilía, o Pai bota de menos a algunhas persoas habituais, acaso polo cambio horario da misa ou polos romaxes da época. Pero, con todo, di estar moi contento porque hai hoxe aquí xente nova que da gusto mirar. Comenta tamén que se reforzou o coro coa chegada de Rubén, a quen acolle con todo cariño.

A fermosa carta de San Pablo que escoitabamos -comeza- nos dí que vivamos conforme a palabra enxertada en nós. ¿Pero, sabedes o que é un enxerto?” Tras algunhas vacilacións, unha persoa sí parece sabelo. O Pai diríxese a ela: “¿Ti fixeches algún enxerto? ¿Sí?¿Moitos? A ver ¿Cales?”
- “De mazás, e de peras en espiño”- contesta o aludido e vai dando detalles do traballo.
O Pai Andrés vai confirmándoos:
-“En espiño bravo ou escalabrón, ¿eh?, no tronco. Así. Aí méteselle a púa da pereira. Aí,así, así, i entón, despois, ¿que é o que da iso?”.
-“Da froita”
-“Pero ¿qué froita da, a da púa ou a do tronco?”-insiste o Pai
- “A da púa”
-“A da púa de arriba –confirma o Pai-, a do enxerto. Da peras. Algo parecido pasa con nós. A nosa palabra sería o espiño ou escalabrón - a planta que serve de base- e nela, en nós, foi enxertada a palabra de Deus que é a púa. O froito pois é o da púa; é un fruto que xa non é noso, que é de Deus.¿Que faremos logo con el ?
“Vivir polas normas, polo que está prohibido, polo que é pecado, polo medo ó inferno, sería equivocarse. Vivir querendo ó señor, vivir necesitado de expresarnos diante del, de compartila a súa fe con nosos irmáns, iso sí que é o que Deus espera de nos. Pero non soamente na Igrexa, senón tamén na casa, no fogar cos veciños, vivindo sempre da acordo coa diviña palabra insertada en nós.


Recopilado da RTVG europea
_____________
Falamos do Pai Andrés García Vilariño
**Boroa = Broa , pan de millo ou de mainllo, homólogo nas terras húmidas do pan trigo. Hai un dito curioso: “¿seica me queres comela boroa?” = “non penses que me enganas”.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES