
Supoño que Antonio Raimundo Ibañez, cando nos albores do século XIX inauguraba unha fábrica de cerámica no concello de Cervo (Lugo), non imaxinaba que Sargadelos chegaría a ser peza esencial da empresa e da cultura xenuinamente galega.
Este home, nado na bisbarra de Oscos (Asturias) foi uns dos pioneiros da nosa primeira industrialización, pois comezou en Sargadelos cunha importante siderúrxica na que se crearon, entre outras cousas, curiosos grupos escultóricos, algúns dos cales aínda se poden ver por diversos lugares de Galicia. Logo creou unha fábrica de louza aló polo ano 1806 aproveitando a calidade do caolín saído dos xacementos de Sargadelos que sentou precedente en Galicia chegando a ser unha das principais sinais de identidade da creatividade plástica galega. Dicir Sargadelos era dicir Galicia. Pero esta empresa pasou por moitas vicisitudes denantes de chegar ata aquí: a última foi a desacertada decisión, por desacordos cun grupo numeroso de accionistas, de excluír a Isaac Díaz Pardo da xestión das empresas que abranguen Sargadelos coincidindo co ocaso da súa vida.
Eu nunca entendín a Sargadelos sen Díaz Pardo, pois foi peza fundamental no devir desta fantástica idea baseada no binomio composto pola produción industrial e o acerbo cultural que el soubo ensamblar coma ninguén. Cando apartaron a Díaz Pardo da empresa, por solidariedade con este home ao que tiven a sorte de tratar, deixei de mercar produtos de Sargadelos. A pegada da súa personalidade foi decisiva ata o punto de que Isaac e Sargadelos constituían un todo indivisible. Non se podía entender o un sen o outro.
Hoxe congratúlame a boa nova de que os fillos de Isaac Díaz Pardo e os herdeiros doutro dos fundadores chegaron a un acordo para asumir conxuntamente a xestión das empresas encadradas na marca. Sen Isaac, Sargadelos non é o mesmo, pero cando menos aí estarán os seus fillos para manter parte da filosofía empresarial que o seu pai puxera en escena.
Os tempos cambian e as circunstancias agora son distintas as de fai uns anos, así que, imaxino, os novos responsables desta sexta etapa que agora emprende Sargadelos saberán, malia as dificultades, conservar a idiosincrasia desta senlleira empresa tan vinculada aos postulados artísticos e empresariais de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
A pegada de Isaac Díaz Pardo é fundamental para que Sargadelos non perda un ápice da marca que as súas cerámicas deixaron en Galicia, e fora da nosa raia, perante moitos anos. É moi importante a filosofía aplicada ao concepto de empresa que estes dous amigos argallaron estando no exilio en Latinoamérica. Comercio e cultura camiñaron xuntos e aquel axudaba a esta para manter o equilibrio, tanto que as cerámicas financiaron un tempo a Edicións do Castro, onde Isaac Diáz Pardo creou un fondo editorial que foi verdadeiro asentamento da memoria cultural dunha Galicia que rexurdía.
Edicións do Castro xa non existe, nin creo que sexa posíbel o seu rexurdimento dadas as actuais circunstancias, pero resulta esperanzadora a nova posta en escena da cerámica da man dos fillos de Díaz Pardo que, sen dúbida, farán o posíbel para manter o espírito que o seu pai lle dou a esta empresa tan nosa.
Eu, polo de pronto, volverei a mercar en Sargadelos. Abofé.