Gaías, fin de ciclo
Editorial - martes, 09 de abril de 2013
Chegou o fin dun ciclo para o Gaiás no momento en que mesmo o Partido Popular suscribe ou apoia a iniciativa do Bng para que se remate coa iniciativa no momento no que agora se encontra. Xa non se trata de aplazar ou ralentizar a construcción, trátase de considerar rematado o complexo do Gaiás na situación actual.
O proxecto comezou nun mal momento. Aínda era tempo de euforia, e planteouse un edificio emblemático para a Galicia do século XXI, no monte Gaiás, fronte ao histórico Santiago, capital de Galicia. Tratábase de construir de cara ao futuro, de maneira que continente e contido fixeran historia. Pero veu a crise, e rematou coa euforia, poñéndonos a todos en situación de contemplación realista da dura situación que nos envolve e o proxecto foi parándose ata chegar á situación actual na que se considera que non vai máis.
Tampouco a Xunta de Galicia enfrontou agora nin nunca o Gaiás cun obxectivo definido de obter resultados e utilizalo de xeito que fose rendible. Sempre foi unha tímida intentona de sacar o que se puidera de algo que se consideraba perdido. E acabou sendo acubillo de determinadas dependencias da Xunta que dan función administrativa ao que se considerou podía ser factor de avance, de progreso, para a terra onde rematan os Camiños de Santiago.
A situación actual implica aforro e contención e parece lóxica a suspensión da construcción do final do proxecto. Pero eso non pode significar considerar perdido o conseguido nin conformarse con que sexa un almacén ou edificio administrativo de dependencias ata agora espalladas pola xeografía urbana santiaguesa.
Remata un ciclo, unha batalla, e hai que agardar por mellores tempos. Pero estamos seguros que a historia do Gaiás non remata aquí, e que o seu destino, as súas funcións, o seu papel social na Galicia do futuro aínda están por escribir.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora