O Feitizo: 35 anos
Fernández, Suso - martes, 09 de abril de 2013
Nos tres primeiros veráns dos anos 70 celebráronse en Foz senllas edicións da Feira do Arte Popular Galego, mostra de artesanía pioneira, pois ofrecía a novidade dos artesáns traballando á vista do público, ata entón algo inédito: alfareiros, zoqueiros, cesteiros, palilleiras, artesáns do coiro, da forxa e demais, nun certame que, de continuarse, significaría para a vila a primacía nunha faceta que tempo despois adquiriu relevancia e que hoxe da nome e prestixio a outras localidades.
Tal feito é para nós só historia; pero moitas veces ésta reflicte a indolencia, a apatía, cando non consideracións de tipo persoal, que botan por terra iniciativas positivas para a colectividade. Naquelas feiras hai que buscar a orixe de O Feitizo (9. 04. 78) de ámbito comarcal.
As expoosicións de pintura que se ofrecían eran un dos apartados mais atractivos, e alí colgaron a obra por vez primeira nomes hoxe coñecidos do mundo da arte que ata entón permañecían no anonimato. A feira lograra nas tres edicións un sinalado éxito e tiveran un grande eco mediático, sobre todo polo que tiña de orixinal, de novo. Inevitablemente desapareceu, pero deixara nalgún sector o desexo de continuar dalgunha maneira a experiencia. E o grupo das artes plásticas, espallado pola bisbarra, seguiu celebrando tertulias domingueiras en Foz e aí xurdíu a idea de crear unha asociación de amigos das artes para promocionalas, sobre todo entre os xoves, organizando actividades, e a un tempo dando a coñecer os traballos dos integrantes do grupo, a través da mostra permanente en céntrico local e promovendo cursiños para neófitos e mostras e exposicións en distintas vilas da zona.
Era 1978. Ó pouco accedía á presidencia Vicente Sempere que realizou un gran labor, cun traballo e unha entrega admirables e o colectivo, que nacera para atender con preferencia as facetas das artes plásticas, e cuxos estatutos prevían o posible de abarcar a outras ramas, dirixe a mesma á danza e á música da terra, o que hoxe fai con exitosa dedicación; desexamos que celebren as Vodas de Ouro. Quen tivemos que ver coa iniciativa, 35 anos despois a lembramos con nostalxia. Parabéns.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora