Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O meu primeiro Celso Emilio

miércoles, 10 de abril de 2013
O meu primeiro Celso Emilio é un libro – disco editado por Xerais en xuño do 2012. Trátase dun libro que resulta orixinal na forma e no fondo. Desta volta Celso Emilio agroma nas voces de María Manuela, Mini e Mero, e Xiana Lastra, e mesmo é recreada a súa efixie pola primeira cantora citada.
O libra componse de 4 partes elaboradas cunha linguaxe que vén envolta dunha clara intencionalidade de dar a coñecer a figura do autor de Longa Noite de Pedra:
· Así viviu.
· Así escribiu.
· Así sentiu.
· Así o cantamos.

A lectura do libro vai amenizada por versos do autor de Celanova nas marxes; que nos lembran outra volta que Celso non escribiu nunca porque si, senón que o fixo sempre por un compromiso cívico ao que foi fiel ata a súa morte. Celso Emilio xamais foi nin será “o poeta do non polo non”. O “non” de Celso Emilio técese nunha reflexión diaria vertida en verso que nos segue acompañando día a día coma un paxaro de abrente.

O libro describe os fitos fundamentais da vida de Celso Emilio; fitos mil veces escoitados e lidos por cantos admiramos e gardamos no corazón os versos de Celso. Mais nesta lectura adquiren unha pureza renovada que impulsa, unha vez máis, a revisar cada verba escrita polo noso “ferreiro das palabras”. É, polo tanto, un libro necesario na biblioteca de quen aprendeu os máis fondos valores éticos e morais en cada verba e en cada verso deste poeta que un non é quen de ler sen vivilo.

No apartado “Así sentiu” temos unha ampla selección poética coidadosamente ordenada de xeito cronolóxico. Nesta escolma, quen teña a ben recibir nos sentidos ao seu primeiro Celso Emilio, poderá contemplar o poeta cívico, social, político, intimista e mesmo tradicional; chegando á figura poliédrica que se escribe con letras maiúsculas na literatura galega.

A cuarta parte vén marcada pola recreación do autor con oito poemas sobradamente coñecidos, sobradamente musicados e sobradamente cantados; no entanto estes versos adquiren nas voces de María Manuela, Xiana, Mini e Mero unha frescura renovada.

Estou seguro que haberá moitos primeiros Celso Emilios e que a obra do noso “ferreiro das palabras” lle queda unha longa vida de recreacións. Nesta ocasión déixanos “O meu primeiro Celso Emilio”, un libro para amantes, principiantes e para todo aquel disposto a asumir o legado do noso poeta celanovés como unha folla de ruta moral irrenunciable no social, no político, no cultural e tamén no máis íntimo do corazón.

VV.AA.: O meu primeiro Celso Emilio. Xerais, Vigo, 2012
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES