Marca España
Editorial - lunes, 08 de abril de 2013
Falar de marca referida a España é restrinxir un pais con séculos de historia común, con milenios de vida nunha terra difícil e fermosa, reducindo o seu papel a termos comerciais ou de competencia con outros países do contorno. Pero así son as cousas, e mesmo o Ministro de Asuntos Exteriores falaba da Marca España para dicir que a esta non lle sentaba ben a imputación dunha infanta chamada a declarar diante dun xuiz por temas de tráfico comercial ou de influencias.
Equivócase o Ministro porque se nos atemos a unha marca para definir o conxunto de comunidades no que vivimos, tenlle que sentar ben á nosa imaxe no exterior que do rei abaixo ningún se sustraia á man da Xustiza, que todos somos iguais diante da Lei, e calquera ten que comportarse dun xeito correcto se non quere verse afectado en algo que non resulte axeitado.
Á marca España séntanlle mal os casos de corrupción, os desequilibrios, as inxustizas, os desaxustes... todo o que non concorde coa imaxe dun país moderno, igualitario, decente... pero non lle sentan mal, de ningunha maneira, as demostracións de que a Xustiza está por riba de calquera outro poder, e que a un xuiz non lle tembla a man por asinar o chamamento de calquera persoa a declarar sobre un tema.
Desexando que todo acabe con ben, que a verdade prevaleza, non é de temer pola marca España en relación con este asunto. Sexa cal sexa o resultado, a marca España en relación con este tema seguro que sae reforzada e beneficiada.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora