
Xa fixen alusión, noutra mirada ao único castelo con que conta o municipio de Mugardos e aos plans de actuación que teñen programados para convertelo nun establecemento hostaleiro de alto standing. Claro que unha cousa son os plans e outra moi distinta o levalos a cabo. Non quero dicir con isto que o proxectado non se chegue a realizar, pero logo de dez anos e das dificultades de financiamento por mor da tan traída e levada crises, os actuais propietarios, o grupo Diana e a sociedade Invertaresa quizais pensaran en establecer unha moratoria e esperar a que veñan tempos mellores. Un gozo máis no pozo do desalento.
Din os historiadores que no lugar onde está o Castelo da Palma houbo outro asentamento moito máis pequeno que databa do ano 1597. A actual fortificación, duns 30.000 metros cadrados foi construída a finais do século XlX . Contou cunha guarnición de soldados e tamén foi empregada coma cárcere militar. Aí pasou unha tempada o golpista Tejero e denantes tamén estiveron detidos aqueles militares pertencentes ao movemento de Unión Militar Democrática. Aquel por tentar volver á ditadura e estes pola defensa dos valores democráticos, xa ven. Logo foi dado de baixa e vendido por 1.300.000 ás empresas antes aludidas.
Este castelo, xunto co de San Felipe, forman coma as dúas columnas de Hércules da ría do Ferrol, dous bastións defensivos que facían case imposible a entrada por mar a aqueles barcos que puidesen traer perigo á cidade departamental. Entre outras accións disuasorias empregaban, mediante un sistema de bateas, a extensión dunhas cadeas que ían de un ao outro castelo, imposibilitando así a navegación polo estreito canle que da entrada á ría.
Cada vez que paseo polas súas inmediacións detéñome a observar a ciclópea construción. Se se trataba de disuadir, desanimaba so a súa presenza : eses muros de pedra inexpugnables, o seu pequeno ponte levadizo que illaba o acceso por terra e o seu porte intimidatorio daban a entender que mellor era non menealo, non fose a ser. Pero hoxe o castelo está en horas baixas, abandonado a súa triste sorte, esquilmado polos amigos do alleo que non deixaron títere con cabeza e abocado á ruína se non se toman certas medidas protectoras. Dende que foi vendido ata o de agora pasou por diversas vicisitudes, moitas das cales tiñan que ver con trabas administrativas á actuación de reforma dentro do castelo e tamén nos terreos da contorna. Tanto que o asunto foise dilatando no tempo ata que pasaron dez anos e agora, libres de trabas administrativas pero afogados pola ausencia de cretos, pois a inversión prevista din que supera os 20 millóns de euros, os promotores non se deciden a iniciar unhas obras que transformarían esta fortificación nun lugar residencial para clientes de alto poder adquisitivo.
Falar disto coa que está a caer, ata parece un pecado, pero a cousa éche así. Recordo ouvir a un alcalde de Mugardos dicir que sería imposible facerse co castelo a non ser que a administración central e a autonómica apostaran forte e xa que logo a única maneira de conservar a fortificación era convertela nun hotel.
Non sei en que rematará todo isto, pero as circunstancias non son propicias e non me estrañaría que o proxecto quedase niso, nun tímido esbozo. Oxalá me equivoque.