Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A crise da educación segundo Nussbaum

viernes, 05 de abril de 2013
Non; no me teimo coa educación: Moi ilustres pensadores e pensadoras (neste caso unha pensadora) abordan con autoridade este tema. A filósofa Martha Craven Nussbaum, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociales 2012, evidencia a súa preocupación pola filosofía política, pola ética e moi especialmente pola educación. É norteamericana, nacida en Nova York o 6 de maio de 1.947.

Afirma que a crise da educación, a que chama CRISE SILENCIOSA, é bastante máis grave cá “crise económica mundial” que estamos a padecer. Para ela, en oposición o que está ocorrendo aquí neste noso país de ensaios “semanais”, unha educación sen Humanidades ou con escasa presencia, o único que fai é producir “xeracións enteiras de máquinas utilitarias”, en vez de cidadáns libres. Copio literalmente un parágrafo do seu discurso con motivo da recepción do Príncipe de Asturias. Di, traducido ao galego, así:

“A importancia que ten a filosofía para a economía suxire algo máis, o que constitúe outro tema do meu traballo: necesitamos unha educación ben fundada nas humanidades para realizar o potencial das sociedades que loitan pola xustiza. As humanidades proporciónanos non só coñecementos sobre nosoutros mesmos e sobre os demais, senón que nos fan reflexionar sobre a vulnerabilidade humana e á aspiración de todo individuo a xustiza, e evitaríannos de utilizar pasivamente un concepto técnico, non relacionado coa persoa, para definir cales son os obxectivos dunha determinada sociedade. Non me parece demasiado atrevido afirmar que o florecemento humano require o florecemento das disciplinas de humanidades”:
(http://www.rtve.es/contenidos/principeasturias/nussbaum.pdf)

Nussbaum mostra nas súas obras un gran interese pola filosofía antiga, da que recolle ideas nada desprezables: Mesmo seguindo a Séneca di que para que unha educación sexa realmente axeitada para a liberdade ten que evidenciar que produce certamente cidadáns libres, é dicir, donos das súas propias mentes, non máquinas utilitarias ao servizo de poderes bastardos, que adoitan atacar a dignidade da persoa humana, borran do mapa político a compaixón e a necesaria empatía.

Pero esa educación ten certas esixencias, como un coñecemento do grego e do latín, por iso ela, cando oíu dicir que en España o latín era unha especie a extinguir, puxo cara de sorpresa (di un periódico), pois pensa que o progreso afecta a moitas máis cousas - que é mester cotexar - que o PIB, notablemente insuficiente. Hai que falar da liberdade, da cultura, da familia, etc., porque a crise arrastra unha perda de liberdade, desintegra as familias e preséntase no seo dunha estrutura económica europea que “é unha ameaza para a democracia”.

Precisamente é neste intre no que máis se necesita unha formación tamén humanística, xa que as Humanidades proporciónanos tres ingredientes: unha certa habilidade socrática para examinarse un a si mesmo criticamente (que boa falta nos fai para non caer na autosuficiencia); posibilítanos un pensamento instructivo dos problemas mundiais, mediante un bo coñecemento da historia, das relixións, das culturas, etc., e podemos obter unha mellor comprensión de como os outros aprecian o mundo: As dificultades destes tempos non poden ser obstáculo para tomar en consideración os valores, precisamente cando máis os necesitamos, porque “vivimos nun clima político histérico”, e non o digo eu, senón a mesma Nussbaum.

Claro..., as artes e as humanidades non serven para gañar diñeiro, evidentemente; pero serven para algo moito máis valioso: formar un mundo no que valla a pena vivir, sen modelos de burócratas dóciles e xentes encantadas de inmiscirse en xergas e paixóns de grupo, polas que se deixan arrastrar, evitando os efectos do desprazamento, case en exclusiva, nas universidades e escolas cara ás areas científicas e técnicas.

Estes son algúns matices do pensamento dunha relevante filósofa norteamericana, que nin lle falta contexto científico e tecnolóxico, nin experiencias do mundo do capitalismo, nin tampouco perspectiva para dicir algo pertinente sobre o europeo. E aínda que sexamos críticos tamén con ela, non a descoñezamos ni a encadremos neses cortellos políticos dende os que se xeran, en vez de ideas útiles e serias para o ensino, tan diversos e fedorentos bulleiros.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES