Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os curas contra Franco

miércoles, 03 de abril de 2013
Hai uns días presentouse en Lugo o libro LOS CURAS CONTRA FRANCO, e eu empecei a presentación falando de Vilalba, porque moitos dos que nel aparecen son vilalbeses.

Empezando por don Gabriel Pita da Veiga, párroco en Vilalba a final dos corenta, que me bautizou no 47. Don Gabriel veu de Ferrol e volveu para Ferrol. Era membro dunha histórica familia de mariños. Por eso me sorprendeu ver que un queridísimo crego (os vilalbeses adorábano) que se supoñía tradicional apoiaba, ou deixaba facer, aos cregos que en Vilalba moitos anos despois coidabamos “revolucionarios”.

De Ferrol veunos logo don Adolfo Pato Bernárdez, crego firme con mando en praza, que gobernou Vilalba con man dura, e creou a lenda urbana de que non lle duraban nada os coadxutores porque non andaban polo seu rego.

Foi daquela –xa anos sesenta- cando de Vilalba mandábamos obreiros ás Pontes e a Ferrol, que formaban unha importante masa laboral que se ía axitando conforme as condicións do traballo non melloraban na medida que se necesitaba e se pedía. E de Vilalba tamén fomos mandando cregos para Ferrol que revolucionaron o mundo laboral e social.

A Ferrol foi Xosé Chao Rego, o do Hotel Chao, que ía para bispo, e seu pai tiña unha excelente colleita de viño gardada para cando recibira o capelo episcopal, pero Chao decidiu tirar recto en lugar de dar curvas, e púxose de parte dos humildes, das prostitutas, dos obreiros, e acoller na súa igrexa a todos os desvalidos e, xa que logo, aos perseguidos pola dictadura.

E a Ferrol foi Bernardo García Cendán, o Bernardo do Severino, que frecuentaba as mesmas compañías, que andaba polos mesmos camiños, e recibía a mesma veneración popular e desconfianza do réxime.

E de Vilalba foi – e non falo do resto, que hai uns cantos que non eran vilalbeses- Anxo Currás, Anxo Fereiro Currás, de Boizán. Como tamén estivo Xaquín Campo, Xaquín de Roca, que non é de Vilalba senón de Roca-Guitiriz que nos queda ben á beira.

En fin, que na historia figuran un grupo de cregos que souberon atender ao humano á par que ó divino; que entenderon que era o mesmo traballar polos homes e amar a Deus, e pagaron por eso dun xeito ou doutro.

Escribe o libro Rosa Cal, doutora en ciencias da Información, profesora en Madrid, mestra ferrolana primeiro, que coñece ben o tema por telo investigado pero tamén por estar casada con Anxo Currás, crego secularizado, veciño noso. Agora que todos somos demócratas, e que nos parece que esta España e esta Galicia moderna é obra nosa, é de xustiza coñecer algúns dos cregos vilalbeses que escribiron e fixeron a nosa historia recente.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania