Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bernardo García Cendán: Olor a Ferrol Vello

martes, 02 de abril de 2013
Dia 12 de abril, ás 8 da tarde, na Parroquia do Socorro homenaxe a Bernardo García Cendán e presentación do libro Unha alborada nova.

O papa Francisco dicía hai poucos días falándolles aos sacerdotes como pastores, que se lles notase o olor a ovella. Cada un segundo e onde apacentase o seu rabaño.

A Bernardo García Cendán sempre se lle notou cheiro a Muelle, Socorro, Parrocheira, Cristo dos Navegantes, mundo obreiro, xente da marxinación, Ateneo Ferrolán, sindicalismo, tertulias, asociacións culturais, música, canción, poesía, bágoas de despedida a seres queridos, acompañamento de enfermos e familiares, coidadores, mulleres non ben tratadas, maltratadas, ou meniños desamparados, rapaces cheos de ilusións e por veces ilusos ou mesmo bohemios en camiños desnortados, homes con dous vasos demais que contaban millenta de veces os mesmos desencantos dunha vida chea de problemas e que tiñan necesidade de seren escoitados por alguén, alegrías dun próximo casal que preparaba a súa voda con ansias de que fose bonita, por veces na igrexa, moitas outras polo civil ou mesmo un proxecto de amor en parella, estudantes que empezaban e non sabían ben por onde tirar ou como facer a tesiña ou o traballo de final de carreira, etc. Velaí o olor de Bernardo a Ferrolvello e a todo Ferrol.

Bernardo formou parte daquel grupo de cregos dos anos 60-80 que en todo Ferrolterra se arrimaron sinceramente ao mundo que lles tocou vivir. Sen proselitismos baratos, con un único norte: Ser servidores do pobo, empezando sempre por abaixo, polos máis necesitados. Estaban fondamente ancorados no discipulado de Xesús de Nazaré, nunha visión evanxélica do mundo e na praxe dun humanismo cristián para formar parte activa da sociedade na que tocou vivir. Temos na memoria a Pepe Chao, Gabriel Vázquez Seijas, Cuco Ruíz de Cortázar. Don Gabriel Pita da Veiga, os bispos Argaya e Araúxo, e así ata dúas ducias ben cumpridas, coñecidos eles de todos nós.

Unha alborada nova. Así se titula o libro que se vai presentar e que se editou desde a Revista Encrucillada, da que Bernardo foi membro moi activo e sempre moi iluminador.

María Manuela e Xurxo, Xoán Rubia, Manolo Bacallao, o Coro do Socorro, Xosé Leira, Man Castro Tomé, Alfonso Gil, Bernardo Máiz, Juan Luís Caruncho, Carme Solloso, Xosé Manuel Quintana, e un sen fin de voces e de silencios conxuntaremos esa velada de homenaxe a un amigo que certamente ulía a todos nós, porque de todos nós se ten ocupado e preocupado para botar discretamente unha man cando foi do caso para logo saber situarse de novo e discretamente nun segundo plano, disposto sempre a reaparecer cando del se precisase.

Dádevos todos por convidados. Ti formas parte desa grande familia de amigos que queremos honrar a alguén que segue aí moi presente no corazón de todos. Foi dos nosos e de todos nós. Recoñecémolo polo seu olor a Ferrol Vello.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES