Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De(s)construir... ?

lunes, 01 de abril de 2013
Permítanme pensar que hai (a nivel mundial!?) un sentimento de inseguridade nos diferentes marcos ou sistemas institucionais nas actuais sociedades, que atribulan as conciencias das xentes e desacougan os comportamentos ata o estremo de resultar desconcertantes e cheos de paradoxos.

O desconcerto político, ético e relixioso está a buscar solucións no campo dunha ciencia florecente e de afán reducionista, que prima a racionalidade unidimensional en descrédito da “razonabilidade”, tamén necesaria noutros campos. Así, no é nada estraño encontrarse con descomunais liortas para racionalizar aquilo que só admite unha intelixente “razonalización”: o poético, o ético, o relixioso, o estético...non son os campos máis axeitados para unha racionalización científica en exclusiva e reducionista, e tampouco amplos sectores do político.

Non fai moito tempo, lin unha anécdota que na súa sinxeleza encerra, segundo a miña opinión, unha invitación a non ir pola vida só racionalmente. Trátase dun pai paseando cun fillo, duns tres anos, por un parque. O neno quedou apampado contemplando unha corpulenta árbore. Houbo un diálogo.

--Papá..., CÓMO chegou a ser tan grande...?.
--Mira, fillo: Hai unhas sementes, bótanse na terra, rebentan (xerminan) e delas saen unhas plantas moi pequenas que van medrando ata chegar a ser unha árbore coma esta.
-- E de onde saen as sementes esas.
-- Da mesma árbore.

O neno quedouse pensando e preguntoulle a seu pai:
--E...QUEN puxo a semente da primeira árbore?.
O pai encerellouse. O fillo mirouno con estrañeza e díxolle:
--Non o sabes...!.
É fácil comprender que o rapaz xa non preguntaba con un CÓMO, senón cun QUEN. Inconscientemente, cambioulle a seu pai a clave da pregunta e deixouno sen contestación. Xa non se podían dar explicacións racionais, senón que había que pasar a unha “razonalización”. Seguramente pensou que só lle podía dicir algo do evolucionismo; pero non o entendería.

O neno da anécdota, co mesma inconsciencia, non pregunta por cousas, senón por persoas, e pensan os neurocientíficos que todo “parece apuntar a que existan propiedades funcionais dos nosos sistemas cognitivos que empuxan cara á crenza en seres sobrenaturais”. Pensan tamén que estes códigos puideron construíse baixo a presión selectiva ante a necesidade de manter unha cohesión social forte, para sobrevivir.

Pero non botemos as campás ao voo, porque do mesmo xeito respondemos, as veces, os adultos cando nos asustamos na casa: Ante un estrepitoso ruído, non preguntamos “qué foi iso?”, senón “quen anda aí?”, porque aínda temos codificado o encéfalo neste senso. ( E digo “encéfalo”, non “cerebro”, como habitualmente se fai, pois a totalidade da nosa masa do sistema nervioso central é encefálica, non cerebral. Esta é unha parte importantísima, pero non é o todo).

Dito isto, parece que esa “cohesión social forte”, da que o propio proceso evolutivo nos foi dotando, precisamente para dar eficacia a nosa dimensión social, está en perigo, porque as institucións que nos fomos dando para que responderan as esixencias de cada momento histórico, deixaron de cumprir as súas funcións, en mans dunha depravación moral altamente preocupante, por unha racionalidade encamiñada ao crematístico. É dicir, cada día sentimos máis ese “desfondamento” dos parámetros sociais.

Cabe preguntarse, polo tanto, ata onde está sendo necesario un desmantelamento do que temos (unha de(s)construción): Non se poderá estar convivindo por moito tempo coa racionalidade do Mamón, porque non é RAZOABLE. Pero sospeito que a tarefa está a ser moi difícil, xa que o abandono de leiras do razoable en mans do racional está a xerar dificultades de alcance imprevisible. E acerca disto teríamos moito que dicir, aínda que algo queda soterrado nos parágrafos anteriores; pero moito máis que compartir, por moi impensable que sexa nestas sociedades tan desvencelladas.

En todo caso, o que está a ocorrer na actualidade, non deixa de ter algún precedente histórico. Aló polo século XIII, coma consecuencia do fracaso das Cruzadas, aquelas institucións nas que se asentaba o poder empezaron a verse comprometidas seriamente cunha profunda crise, principalmente a Igrexa e o Feudalismo.

Á Igrexa, borracha de poder e corrupta, opúxose un Cristianismo dos pobres, algo parecido ao que está ocorrendo agora coa teoloxía da liberación, pois tamén se inspiraba na xustiza social. Así, xurdiron herexías coma a dos VALDENSES e CÁTAROS, co fin de devolver a pureza orixinal ao Cristianismo, e xurdiron os FRANCISCANOS (hoxe este espírito parece que o quere restaurar Francisco I) e os DOMINICOS. Claro, os tempos eran outros, pois a INQUISICIÓN andaba polo medio.

E o territorio inglés contaba con Robert Grosseteste e a Roger Bacon, que se preocuparon da ciencia experimental e da verificación dos coñecementos adquiridos. Fíxense, pois, como tamén houbo un certo intento de salvarse e gardar a roupa, acudindo a racionalidade científica; pero foi Santo Tomás de Aquino, dominico, quen nesta época tratou de harmonizar raCIonalidade e raZOnalidade, e máis precisamente, Razón e Fe. Naturalmente, coas matizacións e limitacións propias da súa época.

Dito isto, déixenme expresar a miña modesta opinión, e permítanme o dereito a cometer erros; mais critíquenos: Se hai espazos da realidade aos que non pode levarse unha estrita racionalidade científica, tamén hai que pensar que naqueles nos que debe existir unha cooperación, unha certa sinerxía, é mester delimitar o alcance da mesma, porque as incompetentes interferencia soen ser nefastas. Remitido aos seus tempos, Santo Tomás foi equilibrado, e, por iso, tivo problemas disciplinares.
Pois ben: razoemos o ético; pero aproveitemos as achegas racionais da ciencia. Respectemos os sentimentos relixiosos e razoémolos; pero non caiamos na torpeza de rexeitar o racionalmente evidente. Dotemos de eficacia as institucións socias; pero non permitamos que queden ao servizo dos que están vinculados funcionalmente as mesmas. Limpemos as sociedades de parasitos, persoais e institucionais; pero non deixemos a escoba nas mans dos sectarios. Promovamos os valores; pero non perdamos o sentido da realidade: hai que vivir para valorar: HAI QUE VIVIR VALORANDO.

Os membros das distintas sociedades deberían, penso, reflexionar acerca disto. Utópico...?. Seguramente. Pero a vida do home, de cadaquén, desenrólase nun pélago de utopías, por moito que as refuguemos por motivos de mera dialéctica, comodidade argumental ou un realismo construído ao xeito científico. E tamén nun pélago de indecisións, ensaios, percepcións de erros, cambios de rumbo, terapias correctoras de decepcións...; porque aínda non estamos moi seguros se nos impulsan ou atraen, se todos os nosos “construtos” son produto dun impulso, dunha atracción ou dun impulso para sobrevivir no sentido da atracción: o primeiro pode explicarse racionalmente, o segundo queda no enigma dos espazos razoados: O CÓMO do neno da anécdota explícase mediante a racionalidade científica; o QUEN, hoxe por hoxe, razóase.

Polo tanto, preguntarse polos fundamentos tal vez non sexa abondo, sobre todo se as razóns estiveran nun horizonte fuxidío da nosa propia realidade; pero, sen embargo, esa labor de construír e de(s)construír, aquí, nunha realidade continxente, parece necesaria por imperativos da mesma continxencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES