Votación
Editorial - viernes, 17 de junio de 2005
O 19 de xuño é unha data para a historia.
Cada elección á que se nos convoca é unha ocasión decisiva para manifestar a nosa opinión sobre a marcha do País, trátese do país máis pequeno (os concellos), o país comunitario (Galicia), o país en sentido amplo (España) ou o país de convivencia no futuro (Europa).
Porque, cando votamos, eliximos algo máis que unha cor ou unha tendencia política: Estamos escollendo entre diferentes formas de ve-la vida, entre diferentes formas de vida que cristalizarán nas decisións máis variadas sobre a totalidade dos temas, xa que estamos inmersos nunha sociedade intervencionista que participa e incide en prácticamente tódalas áreas da nosa vida cotiá.
A transcendencia das eleccións galegas do 19X está garantida pola situación política actual cun partido maioritario que pretende revalidar por quinta vez unha maioría absoluta, e outros dous que pretenden -xuntos- obter forza abonda para gobernar os próximos catro anos.
Proba da importancia que os comicios teñen, e do interese que a poboación galega demostra, son as solicitudes de voto por correo, xa que en relación coas últimas eleccións aumentaron un cen por cento, chegando a perto de 44.000 os votos xa emitidos.
Nestas ocasións, como se dunha colleita se tratase, os políticos miran ó ceo sabendo que tamén do tempo dependen moitos resultados. Dahí as mensaxes de que, ademáis de desprazarse ás praias, se conte o domingo coa ineludible obriga e necesidade de votar.
Dise que Pio Cabanillas, diante dun resultado electoral, comentou: "Gañamos, pero aínda non sabemos quen". Agardemos -aínda que non se deban pedir imposibles- que gañemos todos, por gañar Galicia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora