Día Mundial da Auga
Xunta de Galicia - viernes, 22 de marzo de 2013
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA AUGA
22 de marzo de 2013
Ano internacional da cooperación na esfera da auga
Vivir a auga é compartila. Porque o ciclo da auga comeza e remata en nós, en cada xesto que facemos. Cando abrimos a billa e cando a pechamos para non malgastar. Cando somos responsables nos nosos xestos cotiás, conscientes dunha responsabilidade compartida e por iso mesmo máis importante. Cando somos responsables e conscientes, que debería ser sempre.
O Día Mundial da Auga 2013 quere salientar por encima de todo o concepto da auga como ben compartido, porque se trata dun recurso limitado do que dependemos máis de 7.000 millóns de persoas que habitamos o noso planeta. Por suposto, tamén os 2.781.498 galegos, que consumimos 367.157.736 litros de auga ao día, ou o que é o mesmo, 132 litros por galego e día.
Así, o lema do dia mundial da auga xira arredor da cooperación. Para os galegos sempre foi así. A auga foi, é e será un motivo de unión, en todos os niveis e para toda actividade. A forma máis directa son as comunidades de usuarios, onde un grupo de veciños se unía para construír, manter e xestionar a auga, creando fortes vínculos e unha especial sensibilidade difícil de atopar noutras situacións.
A outro nivel, os propios concellos asociáronse en once grandes sistemas de abastecemento de Galicia, dependentes cada un deles dunha captación común. Baixo esta forma agrúpanse dous terzos da poboación galega con acceso a redes pública de auga. Estas asociacións na xestión da auga deben de progresar nos próximos anos e a palabra cooperación debe inspirar un gran pacto entre todos os galegos para darlle á auga a importancia que se merece, non só nas palabras, senón nos actos.
Pero o máximo expoñente da auga como ben compartido son os nosos ríos, o sangue do noso territorio. Hoxe as institucións tamén comprendemos que a auga debe unir, máis que separar, como nos une o Miño a Portugal e por iso o pai dos nosos ríos contará en 2015 cun único plan internacional de xestión da súa bacía.
Galicia non se pode comprender sen os seus ríos, sen as augas do seu mar que nos identifica e nos une co resto do mundo a través do océanos, alén da nosa vista.
Por iso, porque somos auga. Porque Galicia é auga. Traballemos para que a auga nos siga facendo medrar e que sempre nos una.

Xunta de Galicia
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora