Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Pascua en San Martiño

viernes, 22 de marzo de 2013
A paixón, morte e resurrección de Xesús é o gran pivote sobre o que xira a doutrina cristiá, e celébrase na liturxia da Semana Santa. Ó longo dela actos piadosos e desfiles procesionais, que amosan a relixiosidade das xentes, son ó tempo expresións culturais enraizadas nos crentes. Así é onde a historia e a arte deixaron a pegada do sentido e a beleza; tal ocorre en San Martiño pois “as paredes da basílica única condensan a humidade dos séculos de oracións camponesas…” que dixera o seu feligrés vitalicio, o profesor Ramón Reimunde.

No concello de Foz a celebración ten alí o seu cume, que se relaciona co que o cenobio representa na historiografía da igrexia diocesana e onde a Confraría do Desencravo esmérase cada ano en conservar e potenciar os tradicionais valores que a conforman. A austera monumentalidade ofrece un marco idóneo para estas manifestacións, e dos anos adolescentes lembramos cómo nestes días, en especial para asistir ó desencravo, acudían xentes de toda a bisbarra, e a vella catedral era punto de encontro de xoves e vellos que mantiñan unha tradición que, tras un lapsus decadente, hai unha ducia de anos voltou con especial ímpetu da man dos seus promotores, a Confraría, que en cada edición mellora un programa que coidando os detalles e introducindo novidades de calidade e bó gusto, van conseguir que aquél se converta en acto relixioso-cultural punteiro en boa parte da Mariña, pois é difícil atopar contorno mais axeitado: a austeridade dos vellos muros; o silenzo que mesmo se escoita; a sobriedade enmarcada polas pedras que, en verbas de A.Cunqueiro, “parecen labradas por mans imposibles”; todo predispón á reflexión e á consideración persoal e íntima de fondos sentimentos, inmerso na paz bucólica que o arrodea e o acougo anímico estimulado por tan engaiolante vivencia.

Os actos da Pascua comezan co Pregón do vello amigo Saros, focego da diáspora, nado no lugar, do que é admirador e apaixoado amante. O epílogo resoará nas vetustas naves coas voces da Coral Polifónica, todo un luxo, en marco de excepcional acústica. Sen dúbida, unha emotiva xornada.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES