Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Francisco

viernes, 22 de marzo de 2013
En honor da verdade podería comezar esta reflexión dicindo que me daba igual o papa que saíra elixido logo de que o anterior renunciara por non poder manter o rumbo desa nave absolutista chamada Vaticano.

E a quen lle importa que a min non me importe? Quizais a ben poucos ou a ninguén, pero a fin de contas do que se trata e de compartir a miña opinión con todos vostedes. E dábame igual quen fora o papa porque a igrexa oficial leva dous mil anos actuando do mesmo xeito e sería un milagre que chegara agora un cardeal, xesuíta arxentino, a tratar de trocar o rumbo dos acontecementos para abrir unha fisura nese bloque monolítico no que se converteu o estado do Vaticano e todo o que el representa.

Pero o meu inicial desinterese foise convertendo en curiosidade por ver ata que punto o papa Francisco pode influenciar neses mil douscentos millóns de católicos que andan polo mundo, cincocentos dos cales residen en América Latina, moitos deles desherdados que esperan un xesto. E segundo sexan esas influencias, o mundo pode xirar e avanzar máis a presa ou máis paseniño. Xa que logo, non é cousa banal a persoa que estea ao fronte deste ancestral e retrógrado imperio.

A igrexa católica, como dicía, leva funcionando moitísimo anos co mesmo formato e resulta moi complicado que alguén a faga cambiar de rexistro. A parafernal anacrónica no que se converteu o espectáculo da proclamación supón unha posta en escena propia doutro tempo, daquelas proclamacións faraónicas que saían nas súper producións cinematográficas que outrora se facían, cos desfiles dos cardeais imbuídos nas súas túnicas vermellas, os decorados suntuosos, a garda suíza, o misterio e hermetismo do conclave e o fume anunciador, nesta época dos grandes adiantos tecnolóxicos. Todo resulta impresionante que ao fin é do que se trata. Logo virán os resultados da xestión do papa que a curia xa se encargará de que non se saia do guión dese estatus conservador no que sempre se moveu a institución.

Semella ilusorio que Francisco vaia a facer cambios sustancias ou polo menos que se acheguen un pouco á teoría que intentou promulgar Xesús de Nazaret denantes de que a oligarquía daquel tempo o quitara do medio por intentar concienciar á xente. Sonche outros tempos e outros intereses os que andan polo medio. Din que Xesús expulsou aos fariseos do templo. Se hoxe aparecera no conclave cardinalicio cun látego nas mans, máis de un sairía correndo ao lombo do seu fariseísmo. Seguro.

Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Se o papa Francisco intentara levar adiante o exemplo do seu homónimo Francisco de Assis, amigo dos pobres, ía durar no Vaticano o que un caramelo á porta dun colexio.

Pero ben, aínda non comezou o seu pontificado e haberá que esperar a ver como transcorren as cousas. Algunhas hai no seu pasado que poden manchar un tanto o seu curriculum, pero non cabe dúbida que un pode ter propósito de emenda e a partires de agora corrixir comportamentos para poñerse do lado e a favor dos que máis o necesitan.

A miña nai, que non era especialmente devota, tiña a un santo de man, San Felicísimo, ao que aludía con certo escepticismo, todo hai que dicilo, na procura de axuda. Así que lle diría ao papa: ¡que San Felicísimo te axude! Seguir o camiño de Francisco de Assis, aínda que arriscado, podería ser un bo comezo. Pois iso.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES