Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amigos da Muralla romana de Lugo

miércoles, 15 de junio de 2005
Ós que, coma nós, temos amores, vémonos decisivamente influenciados por eles. E cando un deses amores está centrado nun determinado obxecto, todo o que a ese obxecto lle afecta nos afecta a nós; todo o que o manca, nos manca a nós, e todo o que o beneficia en nós repercute de xeito agradable. Incluso as pequenas cousas.

Postos a falar de efectos desagradables para a nosa muralla, que nos mancan, son esas agresións gratuitas, desalmadas, contra as luminarias do monumento, que elementos descoñecidos, aproveitando a noite, nos propinan.

Postos a falar de efectos agradables, hai que sinalar a acción que se ten emprendido no tramo da futura ronda interior entre o aparcamento Anxel Fole e o Cantiño.

Pero hai outros efectos agradables para o noso monumento, menos perceptibles fisicamente pero sí animicamente.

Hai poucos días fun xurado dun certame literario convocado con motivo do Día das Letras Galegas, arredor da figura de Don Quijote, por cumprirse catrocentos anos da súa irrupción na historia. E sorprendeume gratamente encontrar varios traballos de rapaces que fan vir a Lugo á inmortal parella, Quijote e Sancho, e cabalgar pola nosa xeografía urbana, e facer que o esperpéntico cabaleiro libre batallas imposibles dentro do recinto amurallado.

Don Quijote librará desigual batalla cun monstro descomunal de tres cabezas indo estrellarse contra el para descubrir como dicía Sancho que se trataba da Catedral lucense que coas súas altas torres araña os ceos elevando os nosos rezos ó máis alto e provocando visións indescriptibles na mente do cabaleiro redentor de infelices que coida atopar enemigo da súa altura, enemigo parello á súa ánsia de loitar polo ben dos desvalidos.

Pero a primeira aventura de don Quijote en Lugo é cando, ó chegar, perdido nunha verde xeografía, coida ver un dragón xigantesco tendido no alto do que para él –afeito ás inmensidades da Mancha- é tremenda montaña, rodeando unha gran cidade prisioneira polo inmenso corpo que a rodea... Don Quijote quere librar a fermosa cidade do dragón que a somete e a couta, e nesta ocasión Sancho consegue convencelo que non é monstro, nin dragón, senón fortaleza... Que se trata da Muralla que a cidade construíu para mellor defenderse, para mellor verse, para sentirse fermosa e diferente de tódalas cidades do mundo coñecido.

E un, modesto xurado que tales cousas le, sente contento porque os rapaces da cidade pensen e escriban sobre cousas tales; e cavila que moi posiblemente eso fagan porque os seus mestres lle lo aconsellen... Mellor aínda, porque eso quere dicir que os mestres lucenses valoran o "coñecemento do medio", o contorno, e nel destaca a nosa muralla.

Esto dame pe para lembrar que Darío Xohán Cabana nun libro de hai moito tempo crea a lenda de que debaixo da muralla de Lugo hai unha gran cobra, resto mítico do tempo de Ophiusa, do culto céltico ós ofidios, que permanece soterrada, encarcelada, sometida polo peso inmenso da Muralla que impide que salla ó exterior.

E xa que de premios falamos, mencionemos o Internacional de fotografía que tivo por obxecto a Muralla romana de Lugo. Presentáronse 2.278 obras de 183 fotógrafos de toda España.

Poñéndome da parte da muralla, e polo tanto dos admiradores e amigos da Muralla, entendo que foi unha gran ocasión centrar sobre as pedras milenarias a atención de tantos e tan prestixiosos obxectivos fotográficos, e a difusión lograda e a que aínda se vai lograr é motivo de ledicia para todos nós.

Da muralla pódese falar sen palabras, con imaxes. Da muralla pódese dicir, provocando que os nenos fixen nela a súa mirada. Da muralla, en fin, pódese sentir presencia e esencia, que é o que todos os presentes facemos desde sempre, e procurar contaxiar a tódolos que nos escoitan.

Di o refrán que "Obras son amores e non boas razóns". Pois neste caso, admirando as necesarias obras, tamén as boas razóns sentan ben ós millóns de pedras armoniosamente colocadas que gozan da nosa devoción.

E se á muralla lle sentan ben, a nós – amigos da muralla; partes inmateriais da mesma muralla – séntannos divinamente. Que a ela e a nós nos aproveite.
X.X.
X.X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES