Polo carreiro da lá
Viana, Xavier - jueves, 21 de marzo de 2013
O pastoreo de animais existe dende que algún asentamento humano, nalgures, de xeito independente, decidira dominar e controlar a reproducción (en cautiverio ou liberdade) dalgunha especie animal para, nomeadamente, o seu aproveitamento alimenticio (carne e lácteos). O pastoreo está ligado en todo o mundo aos nómadas, aínda que, como ben coñecemos nestas terras, non teñen porque estar necesariamente relacionados. O nomadismo refírese ao movemento e o pastoreo a un tipo de subsistencia.
O pastoreo, nómada e sedentario, redúcese a unhas poucas especies animais (ovellas, cabras, vacas, cabalos, asnos, camellos, renos e algunhas outras especies mais localizadas en áreas montañosas). En Europa é unha mais das tarefas desenvolvidas polos labregos, mais ou menos especializados nalgunha delas segundo a súa participación nos mercados de distribución e intercambio. Os labregos, en simbiose permanente co medio natural, mesturan diferentes prácticas para a administración da natureza: simple adquisición por explotación directa (recolección, caza ou pesca) e producción por alteración de animais e plantas (crianza e agricultura).
A ladeira este da Serra do Faro ten numerosos lugares que mantiveron prácticas pastorís ata o abandono de casas e monte e a chegada da producción láctea de gando vacún como medio de vida. Non hai moitos anos deso. Amelia, na súa casa de Bidueiros, fálanos, mentras aprende a calcetar á Cris e á Sandra, das 9 ou 10 ovellas que tiñan a Casa Moreiras ou a Casa do Recadeixe, na parroquia chantadesa de San Miguel do Monte, onde ela naceu e se educou.
Era o número de ovellas que tiñamos en cada casa, que tamén criaban pitas, coellos, marraos e, nalgúns casos, cabras e vacas. Narra, entre a lá feita calcetín polas súas maos artesás, como iamos buscar as ovellas ao monte. Ao chegar cada unha sabía da súa casa. Os rebaños eran de aldea, o pastoreo era comunitario, quedando as ovellas acompañadas durante o dia por algún can, probablemente mastín, que as protexía dos temidos ataques do lobo. Os encargados de baixalas e metelas nas cortes eran os nenos e nenas do lugar, que o facían á tardiña ou ao rematar na escola (escola de ferrado) cando era tempo dela. As ovellas distinguían ben o seu camiño e todos os viciños as coñecían e recoñecían. Existía, sen dúbida, unha sensibilidade especial pola individualidade de cada un dos animais da casa, diferenciándoos de todos os demais.
No meses de marzo ou abril era o tempo de rapar a ovella. As mulleres, armadas con tiseiras, procedían ao corte da lá. Logo, lavábana con xabrón, carpeábana e fiábana na roca co fuso para conseguir os novelos, de fíos canto mais delgadiños mellor. A calceta completaba o traballo que permitía deseñar a roupa (medias, xerseis, mantas
) que nos abrigaría durante os invernos seguintes. A lá podíase tintar nunha caldeira con pos que se mercaban na feira. A habilidade, percepción estética e atrevemento das mulleres da casa marcaban a moda do lugar. I é que fiar sempre foi cousa das mulleres.
A lembranza dos feitos vividos é a dignificación da nosa memoria, é o recoñecemento do traballo, do compromiso, do respecto por todo canto compartiron tantas persoas ao longo dos anos cos seus viciños e parentes. A todas elas, van estas palabras anónimas, escritas neste 19 de marzo do 2013, que procuran ser unha pequena homenaxe para quen é capaz de apaixoarnos aínda cos seus contos.

Viana, Xavier