Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cinco historias breves

jueves, 21 de marzo de 2013
Unha. Celia é unha muller case centenaria. Vive acollida nunha residencia desde hai tempo, pero os familiares visítana con frecuencia. O ano pasado estivo ingresada no hospital por un problema cardíaco. Agora utiliza unha cadeira de rodas, pero antes saía tódalas tardes tomar un café coas súas amizades. Hai uns días tiven que facer un informe médico acreditando que estaba viva, pois a familia decatouse de que, desde o pasado mes de outubro, deixaron de ingresarlle no banco a súa retribución de pensionista. En algún despacho da Administración decidiron que xa tiña vivido dabondo e suspendéronlle a prestación económica. A responsable da residencia na que vive díxome que non é un caso único: xa lles pasou noutras ocasións con persoas de idade avanzada.

Dúas. Elvira ten agora sesenta anos. Desde hai cinco, cando perdeu o seu último traballo, adícase en exclusiva a coidar a dous irmans –que superan os cincuenta-, cunha minusvalía psíquica importante, recoñecida oficialmente, que os fai dependentes na vida diaria. Cando deixou de percibir o paro acolleuse como beneficiaria na tarxeta sanitaria dun dos irmáns (pensionista), e tiña dereito á prestación farmacéutica gratuita. A Xunta ven de retirarlle a tarxeta de beneficiaria polo que recupera a condición de activa. A súa situación neste momento é a seguinte: é a coidadora de dous dependentes, cos que convive, non ten prestación económica e debe pagar os medicamentos na farmacia. Cada mes gasta arredor de cincuenta euros: unha auténtica fortuna para quen carece de ingresos e debe sobrevivir coas pensións non contributivas da familia.

Tres. Rita é unha muller rumana, casada cun galego, co que ten dous fillos. Viven na Coruña desde hai anos. Agora só traballa o marido e ela adícase á crianza dos nenos. A súa nai Olga, que vivía en Rumanía, enviudou hai uns meses, polo que decidiu vir para vivir coa súa filla e os netos. Ten unha doenza cardíaca, é diabética, e atópase afectada psicolóxicamente. Ao chegar solicitou atención sanitaria pero foille denegada: debe acreditar que leva vivindo na comunidade máis de seis meses de forma continuada. Mentres tanto non poderá acudir ao médico de familia para realizar o necesario control dos seus procesos e terá que pagar íntegramente a medicación. 

Catro. Iván tivo unha infancia feliz, moi protexido e apoiado polos seus país. Na adolescencia fíxose máis rebelde, non conseguíu un rendemento escolar adecuado e chegou, con vinte anos, a sentirse fracasado. Precisou, nun momento dado, de apoio psicolóxico pero, con vintecatro anos comezaba a sentirse satisfeito coa vida cando consigueu traballo e recibiu o primeiro salario. Con esa idade morreu, ao caer desde unha fiestra situada nun quinto piso. Estaba só na casa. Non houbo testigos. Todos quixemos crer que se tratara dun accidente. Pasaron dous anos. Os pais precisaron tratamento psiquiátrico, xa que a dor pola perda foi insoportable. Agora están nunha situación económica difícil despois de que él perderá o traballo. Acudiron ao banco para solicitar o cobro dun seguro de accidentes asinado tempo atrás a nome do fillo morto. Despois de numerosos trámites o banco e a compañía aseguradora denéganlles dita prestación alegando que, dados os antecedentes de Iván, interpretan que se tratou dun suicidio, polo que non terían dereito á indemnización estipulada.

Cinco. Unha muller de 81 anos morreu a primeiros de marzo no servizo de Urxencias do hospital de Vigo, despois de agardar tres horas para ser atendida. Os representantes dos traballadores denuncian a política de recortes que provoca un grave incremento das demoras, a saturación continuada das Urxencias e a sobrecarga dos profesionais, que traballan nunhas condicións que dificultan unha atención adecuada. Núñez Feijóo, cando fixo referencia a este suceso por primeira vez, sinalou aos profesionais: declarou que era necesario indagar “se houbo un erro no diagnóstico previo” da doente e se, polo tanto, se podería ter evitado o deceso.

Epílogo. Cando a propia Administración vulnera a legalidade vixente, cando os responsables públicos dictan normas e elaboran leis que deixan no desamparo e á intemperie a persoas maiores, aos enfermos, aos dependentes e aos máis necesitados, é que algo falla. Cando os bancos e as compañías aseguradoras poden eludir o seu deber de pagar a deudas e mesmo provocar, de xeito impune, un dano moral irreparable a persoas indefensas, é que a sociedade funciona mal. Temos unha sociedade enferma que non pon os medios para protexer aos máis vulnerables; e temos uns dirixentes que, coas súas decisións e a súa displicencia, axudan a afondar no sufrimento e a provocar máis desamparo. Algo teremos que facer para defendernos de tanta insania.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES