Presentación
Cachaza Platas, Mercedes - jueves, 21 de marzo de 2013
¡Ola!
Son Mercedes.
Desde Galicia Dixital ofrecéronme a posibilidade de participar os xoves nesta sección onde pode ocorrer que vostede encontre algo do seu interese.
O tema de hoxe titúlase:
PRESENTACIÓN
Eu son unha muller maior dunha aldea próxima a Xestoso que está participando nesta sección de Galicia Dixital, porque un bo día do ano 2008, propuxéronme que convocara os membros da asociación que presido para informar sobre a creación dunha aula dunha UNIVERSIDADE RURAL, na miña zona.
Despois de comunicalo e consultalo cos membros da Directiva da devandita asociación, procedeuse á convocatoria; á que por certo, acudiron moitos socios.
O Coordinador actual da Uned Senior explicounos en poucas palabras en que consistiría.
Aceptamos.
Matriculámonos e asistimos ás clases asiduamente nesta Universidade recentemente creada na modalidade rural, que hoxe se coñece como Uned Senior de Xestoso e que está adscrita á Uned de A Coruña.
Pasou o curso e procedeuse á entrega de Diplomas no Salón de Actos da Uned de A Coruña contado coa asistencia de moitas autoridades tanto civís como académicas a nivel provincial e tamén a nivel nacional.
Para sabe-la opinión do alumnado, pedíusenos que escribíramos algo sobre o SIGNIFICADO DA UNED SENIOR PARA NÓS.
Eu decidinme a participar porque me parecia unha iniciativa moi importante para a Galicia rural en xeral e para os meus veciños en particular.
Pero... ¡Quen mo diría! Aquel sería o meu primeiro artigo publicado en Galicia Dixital e máis nunha revista titulada 60 Y MÁS, co número 263 do ano 2010.
Foron realizándose máis celebracións e pedíuseme que seguira colaborando.
Así o fixen.
Son daquelas persoas que pensan que cando alguén che pide algo é porque o necesita e máis porque conta contigo.
Defraudalo sería tanto como desprecialo e ignoralo.
E eso, non está no meu programa da vida.
Os meus escritos seguiron publicándose ata este momento no que me ofreceron a colaboración semanal.
Non estou segura, pero saco a conclusión que habería persoas anónimas ás que eu non coñezo, entre as que podería encontrarse vostede, ás que as miñas mensaxes chegaron a dicirlle algo para o seu enriquecemento interno.
Por eso estou aquí.
Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas, de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!

Cachaza Platas, Mercedes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora