Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Papa Francisco

miércoles, 20 de marzo de 2013
A pasada semana os católicos viviron un fito histórico coa proclamación do novo papa. Semella que o Espírito Santo rachou con todas as quinielas e fixo gala dun carácter conciliador, escollendo o termo medio entre conservadores e progresistas co xesuíta bonaerense Jorge Bergoglio (o primeiro papa xesuíta e o primeiro latino en chegar a papa), que desenvolverá o seu papado baixo o nome de Francisco, na honra de San Francisco de Asis; malia que nun principio todos pensamos no patrón dos xesuítas San Francisco Xavier (que ten na catedral de Lugo un altar propio e unha parroquia na cidade que leva o seu nome).

A posta en escena do papa Francisco foi sinxela e humilde: apareceu ante o mundo cunha sotana branca e unha cruz de madeira, presentándose como un servidor e pedindo unha oración polo seu ministerio. A historia que se conta del tamén se caracteriza pola humildade e a humanidade; así, por exemplo, dise que como cardeal viaxou sempre en metro e nunha ocasión que alguén lle cedeu a súa habitación (decatándose de que era amante dos paxaros) deixoulle en agradecemento un libro sobre as aves.

Por outra parte non esqueceu no seu discurso aos máis desfavorecidos da sociedade, tocando timidamente o tema da violencia estrutural, do que a miúdo se esquecen os poderes oficiais. Isto quizais entronque coa obra social dos xesuítas, que se estende por todo o mundo; e que no noso país apoia a inmigrantes e menores en situación de risco, alén de iniciativas de educación de adultos como Radio Ecca ou o Proxecto Entreculturas.

No primeiro discurso do papa Francisco tamén tivo cabida a interculturalidade e a necesidade de que a Igrexa estableza pontes de diálogo con outras relixións e crenzas. Foi unha fiestra á esperanza da que pouco a pouco haberá que ir avaliando o grao de apertura.

Certamente facíanos falla un papa social, cos pés na terra e coas mans pegadas ao seu pobo. Haberá que ver se é así, se ten o valor de abrir a Igrexa ao mundo, de recoñecer erros, de recuperar crentes afastados do oficialismo, de corrixir con man firme as condutas inadmisibles e de situarse sempre ao carón do máis feble. Eu teño esperanza de que dea claridade ao mundo cristián, de que non lle treme a voz á hora de falar das inxustizas e de que lles dea azos a todos eses sacerdotes obreiros e misioneiros que dende parroquias remotas están loitando por mudar a vida dos seus fregueses. Coido que eles constitúen a Igrexa necesaria e imprescindible.

Por todo isto, sería bo que nos falase un pouquiño da dualidade entre a Igrexa oficial e a do Terceiro Mundo, e da necesidade de compaxinalas como o carácter xesuíta e o franciscano. Neste sentido débese destacar o comunicado que as Nais de Maio fixeron ante este nomeamento, que entre outras cousas di: “Las Madres hablamos de la iglesia oficial cuando nadie hablaba, la iglesia oficial es opresora pero la del tercer mundo es liberadora. Seguimos teniendo relación sólo con los sacerdotes del tercer mundo”.

Nesta polémica sobre a ditadura arxentina e a actitude de Bergoglio fronte a mesma, acaba de pronunciarse o Nobel da Paz de 1980 Adolfo Pérez Esquivel. Segundo declara o activista arxentino á BBC: “Hubo obispos que fueron cómplices de la dictadura, pero Bergoglio no. A Bergoglio se le cuestiona porque se dice que no hizo lo necesario para sacar de la prisión a dos sacerdotes, siendo él el superior de la congregación de los Jesuitas. Pero yo sé personalmente que muchos obispos pedían a la junta militar la liberación de prisioneros y sacerdotes y no se les concedía”. Se ben considera o humanista arxentino que a Bergoglio lle faltou coraxe para defender os Dereitos Humanos, tamén confía en que no seu papado "tenga el coraje para defender los derechos de los pueblos frente a los poderosos, sin repetir los graves errores, y también pecados, que tuvo la Iglesia".

Pola súa parte, Bergoglio afirma que dende a Compañia de Xesús que el presidía se fixo todo o posible para salvar aos secuestrados.

E xa posto a dar explicación, tamén nos pode aclarar o papa Francisco se a súa oposición ao kirchnerismo obedece exclusivamente ao tema da homosexualidade ou é unha cuestión máis profunda.

O papa Francisco ten a oportunidade de desenvolver un pontificado humanista, destruíndo a dualidade entre a igrexa do primeiro e do terceiro mundo; e facendo unha Igrexa a pé de rúa que recoñeza os seus erros e contribúa á liberación do home. Os discursos remataron, agora só os feitos poden dar azos ou defraudar as nosas expectativas.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES