Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un pouco máis acerca da morte

viernes, 15 de marzo de 2013
Hai dúas formas de referirse á morte, de establecer unha reflexión sobre ela, que pouco máis pode facer quen non ten ningunha autoridade nesta temática, e por iso ten que “camiñar con pés alleos” (alienis pedibus ambulamus).

Podemos facelo en sentido amplo, considerando coma morte todo aquilo que fai que algo desapareza como tal. Pero, ordinariamente, adoitamos facelo en sentido estrito, reflexionando sobre a morte do home. En todo caso, igual que ocorre coa vida, limitarse á morte do home equivale a renunciar a uns instrumentos conceptuais válidos e enriquecedores para entender algo da nosa; pero do espazo tampouco se pode abusar.

Certamente é o home o único ser vivo que adopta actitudes ante a morte, que, simplificando moito, podemos escoller as tres seguintes: Vivir co tormento de morrer, desgarrando animicamente a nosa existencia; barallar todo tipo de eufemismos, expresando a dureza da realidade con disimulos, que nos leva a ignorar a morte o máis posible, e dispoñernos a asumila como constitutiva da nosa propia vida, aceptándoa, incluso, como creadora, en sentido orteguiano.

A agudeza de Ortega y Gasset non lle permitiu pasar por alto a importante distinción entre o espírito guerreiro e o industrial, para reflectila en actitudes ante a morte, afirmando que o ánimo guerreiro, como o deportista (do seu tempo) engulen a existencia sen pestanexar, porque para eles o risco e a dor son algo esencial na vida, da mesma maneira que o é a morte.
Pola contra, o espírito industrial, aínda que sente menos apetitos vitais e percibe a existencia coma unha angustia omnímoda, todo o supedita a non perder a vida.

Así, pois, os primeiros utilizan a morte para crear as súas propias personalidades (heroes, campións...), mentres os segundos agárranse a vida comas as carrachas, e manteñen con empeño e tesón as súas vidas, que para eles son o valor principal. Estes, como di Ortega, “non se resignan a recoñecer na morte o atributo esencial da vida”.

É escusado dicir que o espírito guerreiro non sempre corresponde ós que están chamados a facer a guerra ou a practicar, no seu caso, o deporte; pero tampouco se pode excluír no industrial as actitudes que Ortega lle atribúe ó guerreiro. É dicir, non sempre as tipificacións por actitudes se corresponden coas que se fan por roles.

Ortega razoa a morte como “atributo esencial” da vida, considerándoa como a consumación dese inquietante quefacer a realizar todos os días e en todos os momentos para levar a bo porto o proxecto vital. Pero leámolo a el:
“Dende o primeiro momento, coma un móbil na súa traxectoria, vai a vida lanzada a súa consumación: TANTO VALE DICIR QUE SE VIVE COMA QUE SE DESVIVE” (as maiúsculas, miñas). Corresponde esta cita á páxina 431, Tomo II, das Obras Completas.

Hai aquí unha liña de pensamento de Ortega que parece estar en sintonía coa postura do teólogo alemán Karl Rahner, que di que o home VIVE ANTICIPANDO A SÚA MORTE, que realiza inevitablemente ao longo da vida. O ser do home móvese cara a morte – di o teólogo – por un impulso interno máis profundo que o puramente biolóxico.

Da páxina 275, Tomo VII, na súa obra “Escritos de Teología” (Schrifften zur Theologie. Einsiedeln), 12 Tomos, publicados en T. Taurus, Madrid, entre os anos 1.954 e 1.975, podemos extraer as seguintes ideas:

. Que soamente sentimos a morte na superficie da nosa conciencia (Nur auf der Oberfläche unseres Bewusstsein schauen wir den Tod).

. Pero dende o máis profundo de nosoutros, aparece o fin do imperfecto, para que aflore a perfección (Der Grund begeht nach dem End des Unvollendeten, damit Vollendung sei).

. Se nos dixesen que todo ía a seguir así, nos sentiriamos condenados no mesmo intre (Wenn man uns sagte, es ginge so wie bisher ewig weiter, wir würden uns in soeben Augenblick wie Verdammte vorkommen).

A morte, daquela, para Rahner non só é unha liberación das nosas imperfeccións, senón tamén, por isto mesmo, unha esixencia do máis profundo do noso ser, e incluso en perspectiva biolóxica ten un significado perfectivo: VEN A SER A CHEGADA DO HOME A SÚA CONSTITUCIÓN PERSOAL DEFINITIVA, páx. 89, Tomo III.

Sen dúbida, Rahner fala máis como teólogo que como filósofo, pero, en todo caso, a súas afirmacións teñen indiscutible relevancia filosófica, coincidindo con aquilo de Ortega de que a vida “vai lanzada a súa consumación”, que tanto significa a súa extinción, coma ao logro dos seus obxectivos, á consecución da definitiva constitución persoal.

Pero todas estas reflexións son filosóficas e teolóxicas. Polo tanto, non dan información ningunha do que ocorre cando unha persoa, crente ou non, se encontra en fase paliativa. Aquí é xa clásica a investigación da doutora Elisabeth Kübbler-Ross, recollida no seu libro “Sobre la muerte y los moribundos”, Ed. Grijalbo, Barcelona, 1.989. Contamos, por suposto, con outras investigacións posteriores, pero non afectan tan directamente ao paciente, senón a aspectos clínicos.

Aquí paréceme interesante recoller as cinco actitudes que o enfermo adopta, en fases sucesivas, cando coñece o inevitable da súa morte próxima. Primeiro resístese a aceptala. Logo, séntese preso dunha ira que expresa nestes termos: “Por qué teño que ser eu o que teña que morrer?”. Di a doutora que é un intento de pospoñer os feitos, páx.113. Días despois suaviza a postura, e recorre a Deus na súa intimidade, para entrar máis tarde nunha fase de depresión, que “é un instrumento para prepararse a perda inminente de todos os obxectos de amor”, páx. 118. Finalmente, se puido pasar por estas fases, acepta a situación e sente unha certa tranquilidade, en espera do descanso final.

Pois ben, qué esixencias nos suxiren estas fases?. Penso que nada mellor para contestalo que o “pentálogo” de Rabindranath Tagore, recollidas na páx. 13 da citada obra, se nos educamos conforme o seu espírito. Di así:

1.- “No me deixes pedir protección ante os perigos, senón valor para a afrontalos”.

2.- “Non me deixes suplicar que se calme a miña dor, senón que teña ánimo para dominala”.

3.- “Non me deixes buscar aliados no campo da batalla pola vida, como non sexa a miña propia forza”.

4.- “Non me deixes desexar a salvación cheo de medo e inquietude, senón desexar a paciencia necesaria para conquistar a liberdade”; e

5.- “Concédeme non ser un covarde, experimentar a túa misericordia só no meu éxito, pero déixame sentir que a túa man me sostén no meu fracaso”.

É dicir, para enfrontarse a morte debemos contar con instrumentos propios (porque só morremos nosoutros!); para afrontar a dor que ela nos produce, nada mellor que unha disposición anímica forte; para non acudir a quen nada nos pode xa facer, acostumarse a ensaiar solucións propias; para evitar a escravitude da impaciencia, recuperar a liberdade con paciencia, e, finalmente, para desterrar a covardía do momento crucial, CONFIAR E SENTIR APOIO DA MAO DA ESPERANZA, como sempre fixo a sabedoría dos nosos antepasados.

Este é o espazo decisivo do crente, que “raZOnalizou” o sentido da súa vida; e tamén do non crente, que “raCIOnalizou” a súa bioloxía. O primeiro deséxase xustificado; o segundo, autorrealizado.

Porque...cando nos enfrontamos a morte, facémolo a un destino que non podemos cambiar, e nesta situación estamos chamados a dar o mellor de nosoutros mesmos, transcendéndonos, sobrepasando os límites do que fomos, xa que imos deixar de selo: O crente entrégase a xustificación polo sentido que deu a súa vida; o non crente, remansa no significado que quixo darse polas causas que se deu a si mesmo para chegar a el.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES