Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha moral de emerxencia

miércoles, 13 de marzo de 2013
Compás social

Recentemente encontrei nunha libraría un pequeno libro con este título: “Unha moral de EMERXENCIA”. Dunha ollada decateime que se trataba dun libriño de divulgación que pregoaba algunhas orientacións prácticas de sentido común, mais sobre todo recalcaba a racionalidade como manancial de principios éticos e morais a utilizar con urxencia. O que máis me sorprendeu foi precisamente esa reiteración ou case berro de urxencia moral. A vista do panorama político, mediático, xudicial e dos peculiares comportamentos de determinados personaxes e grupos sociais, está xustificada esta chamada de emerxencia, tanto no terreo das achegas teóricas como no das actitudes e comportamentos prácticos.

No eido teórico-abstracto temos a impresión de que neste amencer do século XXI houbo avances considerables na formulación dos vieiros ético-morais. Os estudosos e expertos encontraron propostas importantes para conciliar as diferentes tradicións culturais nunha simbiose de mínimo común denominador, é dicir, uns principios éticos e unhas actitudes e comportamentos esenciais de convivencia e de respecto mutuo universais para construír unha sociedade mundial en paz. Certamente, persisten categorías de pensamento medio enfrentadas: ética natural ou ética e dereito positivo? Ética laica ou ética relixiosa? Cada unha delas pon o acento nun aspecto diferente, mais son complementarias, non excluíntes, dentro dunha visión racional e humanista integral. De momento temos o pluralismo como modelo necesario de convivencia, mais con deficiencias a superar. Nunha sociedade moderna tan complexa os avances ético-morais deben ser avaliados tamén polos resultados, tanto previsibles como reais.

Mais estas achegas teóricas parecen converterse en irrelevante follasca ante o avance envolvente das actitudes e comportamentos de intereses, comenencias e movementos de acción – reacción dos principais actores sociais da sociedade. O escenario semella un sistema mal construído e peor xestionado que facilita e permite abundantes comportamentos inmorais, incluso legalizados, que neste intre fanse visibles en determinados persoeiros e grupos da elite dirixente. Tampouco faltan persoas e grupos contaminados da base social que aproveitan os oportunismos de ríos revoltos. Esta situación asemella ser de ámbito mundial, e a súa extensión e intensidade estáse facendo cadas vez máis sentida debido a acumulación globalizada de bens monetarizados e a crise que fai exame deste xigantésco fenómeno social. Mais nas sociedades occidentais, tanto os grupos reivindicativos como a xente do común teñen, cando menos, unha formación e información media, unha intuición crítica que xa non permiten que os oligopolios dirixentes fagan e desfagan o seu antollo. Esta é unha das grandezas da democracia.

Esta percepción da moral estáse volvendo inaguantable para a sociedade española. As actuais xeracións en idade madura gardamos memoria do que foi a ética, a moral e a estética da transición á democracia. Naquel instante, a pesar das enormes dificultades e perigos, todos os grupos e estratos sociais puxeron o mellor de si mesmos no empeño, aínda que algúns personaxes e grupos políticos daquel intre dixeron que tiñan feito un “gran sacrificio”. É moi posible que algúns daqueles persoeiros e os seus sucesores queiran resarcirse agora daquel presunto sacrificio, sen reparar en medios. Neste intre está outra vez en xogo o definitivo éxito ou fracaso ético-moral das xeracións que trouxeron e desenvolveron a democracia en España. Sendo esta unha cuestión importante, aínda é máis grave a herdanza que deixan ás próximas xeracións, transmitíndolles uns danos ben visibles e outros bastante previsibles.

Afortunadamente o deterioro ético-moral práctico da nosa sociedade non é irreversible. A proba está nesta reacción colectiva, non só das minorías reivindicativas, senón dunha ampla masa social que se expresa contra as corruptelas de todo tipo e grao (perversións da linguaxe, arbitrariedades, abusos, despilfarros, previlexios, corrupcións, prepotencias, intolerancias, fanatismos, etcétera), e que reacciona impulsada pola enorme e galopante crise total que nos invade. Dánse agora, non obstante, dúas dinámicas confusas: una, que a opinión pública, hoxe en parte comedida, poida converterse en fanatismos emocionais empuxados polas necesidades e polas mensaxes repetidas ata a saturación nos medios de comunicación. Outra, que a clase política e os seus acompañantes fagan unha catarse unicamente mediática e simbólica, con algúns retoques estéticos, mais sen baixar ó fondo ético-moral do sistema e das cuestións concretas a resolver.

A partir deste enorme enfado colectivo, hai que repensar a ética e a moral da nosa sociedade. No ámbito teórico, ademais da herdanza dos grandes pensadores, hai que analizar, preto da realidade, os textos das leis, das sentencias xudiciais e das mensaxes dos medios de comunicación para descubrir os recunchos subterráneos que nos levaron a determinadas derivas actuais. No terreo da praxe moral hai que estudar a multivariada casuística actual para descubir os elementos inaceptables desde un mínimo común denominador dunha ética local e mundial. Todo iso pide perseverar na busca colectiva e individual da rexeneración dos hábitos de xustiza.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES