Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E a cantiga fíxose pobo

miércoles, 13 de marzo de 2013
O martes pasado, nunha nova entrega do programa da TVG “No bico un cantar”, diversos persoeiros analizaron a cantiga “Unha noite na eira do trigo”. O tema acadou tal fama na Galicia deste e do outro lado do Atlántico que a xente ve nela unha peza máis do noso folclore popular. En realidade trátase do primeiro poema en galego que escribiu na súa xuventude Manuel Curros Enríquez, e que foi musicado por Cesáreo Alonso Salgado con arranxos de Xoán Montes.

A música popular fixo dela unha cantiga máis, mudándolle tan só o primeiro verso, que no poema orixinal di “No xardín unha noite sentada”. Segundo os estudosos do tema este cambio non lle pareceu moi ben ao autor, no entanto, non somos poucos os que pensamos que a cantiga saíu mellorada (con todo respecto e admiración ao escritor de Celanova, que sempre será o poeta cívico da cultura galega).

Volvendo á cantiga cómpre dicir que se trata dunha historia tráxica, unha máis na que a emigración estraga dúas vidas que apenas empezaban a namorarse cando o mar as afasta. No xardín ou na eira do trigo, a nena chora polo mesmo amor que dende a proa dun barco ten ciúmes das andoriñas, que libremente voan de beira a beira sen decatarse das fondas saudades que existen en cada corazón emigrado. Só os ecos parecen entender o laio do desterrado.

Trátase dunha cantiga que realmente emociona, que é pobo!, e por iso o pobo de Curros a fixo súa para sempre. Coido que o mellor agasallo que lle pode facer a vida a un poeta é o de poñer os seus versos no bico do pobo, aínda a costa de esquecer ao propio autor; como dicía Martín Fierro “hasta que las canta el pueblo las coplas coplas no son, y cuando las canta el pueblo ya nadie sabe el autor. Procura tú que tus coplas vayan al pueblo a parar, que al volcar la canción en el alma popular lo que se pierde de nombre se gana de eternidad”.

Entón eu queríalle falar a meu querido Curros (que imaxino que terá un momento para min dende esa Galicia eterna na que habita para sempre) e dicirlle que el sempre foi pobo, a súa poesía é pobo e un cantor do pobo merece que unha cantiga súa fique no bico eterno das xeracións.
Sorrí pois, amigo Curros, cando escoites cantar, co corazón na voz, a esa nena que nós atopamos “unha noite na eira do trigo” no colo dos avós.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania