Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo perdido

lunes, 11 de marzo de 2013
(Pode facerse en forma de relato con cambios na entoación ou mesmo pór un narrador e as distintas personaxes. Música axeitada á elección).

(Érguese o pano)

ACTO I.- Aquel profesor, D. Simplicio, era malo, malo, a rabiar. A alumna, Sofía (Sabedoría), lista coma un pemento, un pouco inqueda e un moito, un moito, reivindicativa. Por iso a ela xa nin lle preguntaba. Mantíñaa en ‘offside’, fóra de xogo.

Diga vostede, alumno Rústico, cantos son os tempos verbais. Pasado, presente e futuro, dixo de cor o rapaz. Moi boa a resposta, aprobou D. Simplicio.

Moi mala, retrucou rebelde a Sofía, sometida ao silencio. Falta un, o máis importante. O tempo do que fala a tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira. O tempo perdido, que con vostede ao fronte ven ser a meirande parte del.
Nin que dicir ten que aquilo non rematou alí.

ACTO II.- Porén, se meditamos na sociedade actual, nos seus dirixentes e nas distintas institucións, non hai hoxe unha sensación xeneralizada de que o único tempo imperante é precisamente o “tempo perdido”? Vexamos:

Ollando cara ao pasado. Cantas loitas, cantas mortes, cantas causas ficaron en puros intentos fronte aos ‘rodillos’ esmagantes do poder e dos intereses dominantes, que mesmo parece que sempre saen coa súa. Aí está o “10 de Marzo”, de FERROL 1972. Terá sido todo un tempo perdido? E a loita polos dereitos da muller, dos nenos, etc.?

Tampouco o presente “dá moito máis de yes” como afirman, moi “orondos”, os bilingüístas harmónicos, mostrando gozosos os fracasos do informe Pisa. A culpa sempre é do galego na escola! Non dá máis de si!
Que atrasados! Non si? Falando así, non pasamos máis alá dos páramos do Courel, necios! Hai que modernizarse. Que se note que xa comezamos a falar correctamente inglés. Agora dise, “dar de yes” ou de “if”. Resulta máis fino e distinguido. Ten un seu aquel diferente. Verdade?

E descúbranse! Chegou o tempo do futuro perfecto. O de desasnárense as incultas masas, os pobres Calibans de A Tempestade de Shakespeare. Xa está aquí ese tempo feliz. Xa chegaron os novos profetas. Xa se está a notar.

Porque collidas das mans e cantando triunfantes cara ao sol, chegan as novas leis Wert e o decreto antigalego de D. Feijoo e un tal Sr. Vázquez. Para darlle maior timbre de honra van encamiñar agora cara ao Supremo un contundente recurso.

E eu lembro aquilo: “Yo tenía un camarada”. Por iso, para gañar tempo e adiantándose, queimaron os libros de texto en galego. Para non contaminárense: “Limpia, fija y da esplendor”. Con eses libros nefastos, “non se daba máis de yes”. E todos os outros avances de axuda social, escola pública de calidade e a atención sanitaria universal e gratuíta xa os fomos pasando pola incineradora de moda. Podedes dar a esquecemento da inxuria o rudo encono. Nós temos os votos! Temos o “rodillo”.

Que Deus nos libre do que estes poden dar de sí, de yes ou de if. Ben mirado, estes, coma aquel profesor da Sofía, malo a rabiar, fannos descubrir agora o valor do outro tempo, o da costureira, o da tía Sabina de Agramonte: O tempo perdido, pois con estes persoeiriños dirixindo, certamente, “non se dará máis de yes”, nin de “if”, se non é para ir a peor. Que seguramente así será.

ACTO III.- Desperta do teu sono, Fogar de Breogán, porque os teus tempos son chegados. Palabras da tía Sabina: “Non vos deixedes engaiolar. Volvede en serio ao voso pasado, traballade o presente desde a vosa verdadeira realidade e preparade un futuro que sexa de verdade ‘un futuro’ para todos. Saíde dunha vez do tempo perdido!”.

CODA FINAL.- E a Sofía, atenta sempre á tía Sabina de Agramonte, ergueu a súa voz inconformista de muller nova e berrando con rabia: Amén!

(Cae o pano).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES