Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mencía é unha uva máxica

jueves, 07 de marzo de 2013
A primeira feira do viño de Chantada foi no ano 1983. Dende entón vense facendo, de xeito ininterrumpido, por estas datas. Non é a única da Ribeira Sacra, logo veñen as de Amandi, Quiroga, Vilachá, Belesar e Pantón. Cada unha delas coa súa programación diferenciada, pero cun denominador común: festa gastronómica de exaltación do viño. E o viño é mencía ou godello. En menor medida, tamén, garnacha ou treixadura. O viño, en definitiva, é o elemento a partir do cal se fai presente a efervescencia colectiva, achegándonos ao recoñecemento do sagrado. Porque as bebidas fermentadas conectan a humanidade coa relixión.

Dicía Émile Durkheim que “un obxecto se transforma en sagrado cando é tratado como tal”. Aínda que esto, lóxicamente, non signifique necesariamente que exista relixiosidade, porque para nós, sexa sagrado ou profano, esta celebración é un conxunto de rituais onde as emocións intensas e o simbolismo están presentes, o que permite darlle un aspecto tradicional con independencia que as prácticas sexan mais antigas ou modernas.

A festa desenvólvese no centro da vila. Unha grande carpa cubre as cubas, construidas para facer de locais de venda, onde os adegueiros achegan as garrafas de viño producidas por eles a un prezo de 6 euros. As carpas instaladas darredor permiten aos pulpeiros do Carballiño establecer unha simbiose perfecta: polbo e viño. Contan polas parroquias do Faro que “o pulpo hai que comelo con viño, porque a auga avívao”. A uva vendimada entre os meses de setembro e outubro aparece transformada en viño. As adegas comercializan o seu saber, a súa capacidade para administrar a natureza, as vides, amosando os perfeccionamentos sucesivos, ano a ano, de cada unha das cepas das súas ribeiras.

Tamén nas casas hai festa. Énchense de xente, parentes e amigos, que manifestan a importancia das celebracións festivas para a supervivencia da comunidade, coas súas representacións, imaxes, que sirven de acompañamento ao símbolo principal. A extraordinaria dimensión que adquiriu a feira para os viciños e viciñas ao longo de tres décadas fai que a posición central do viño, avalada pola tradición, desaparecera. Elementos de carácter comercial (mercados de oportunidades, postos de artesanía, venda ambulante…) e divulgativo (postos de turismo ou de asociacións locais), ademáis da presenza doutras bebidas como a cervexa ou a coca-cola, convértena nunha feira con desenvolvemento autónomo, á marxe do propio viño.

Comeza o venres á tardiña e remata o domingo á noite. O epicentro dos festexos permanece aberto case que sen interrupción. Só pecha a noite do venres e unhas horas na noite do sábado. Fálase, entre quenes a viven por dentro, que nos últimos anos a asistencia masiva foise desprazando do domingo ao sábado.

As ideoloxías da ribeira, as crenzas enolóxicas, foron mudando co paso dos anos. Os novos hábitos e costumes alimenticias substituiran o viño da casa como alimento e ben imprescindible, presente en todas as comidas, almacenado na adega propia, polo viño como simple embriagador de sensacións e paixóns. Este é un camiño do material ao espiritual. A producción artesanal e familiar, aínda que continúa existindo, foi substituida para os actos públicos pola producción industrial etiquetada.

Tazas de barro e vasos de vidro, ou plástico, conteñen a bebida, individualizada no padal de cadaquén, compartida en grupos de amigos ou parentes e ritualizada por unha multitude que danza ao son da música. A música sempre acompaña. Primeiro son a charanga e os gaiterios, logo as grandes orquestras baixo a luz dos seus focos e o resplandor da noite.

Entón chega o momento do poder, que sempre ten presenza nos grandes escenarios. O domingo, a mediodia, as autoridades políticas locais suben ao palco e entregan diferentes premios e recoñecementos. A comunión colectiva, a superación de rivalidades, o respeto polas estructuras sociais, fan da Feira do Viño, que naceu da admiración que os viciños e viciñas da comarca lle teñen dende tempos remotos ao cultivo das vides nas muras da ribeira do Miño, un orgullo para todos cantos habitamos, amamos e repetamos esta terra ao pé da Serra do Faro.

Un dia de inverno o Rivada foi preguntado polo taberneiro se branco ou tinto. Pedíu un tinto e dixo para nós, en voz baixa: “se un bebe branco e mexa branco vai todo fora. Se un bebe tinto e mexa branco algo queda no corpo”. Dende entón, cando alguén pregunta respostamos que “un mencía, por favor”. Porque mencía é un nome de uva máxica.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES