Profundadas 6
Andrade, Fernando - martes, 05 de marzo de 2013
DO PAPA
Xesús dixo claramente: meu reino non é deste mundo. Pero entón ¿qué fai por aí tanto Príncipe da Igrexa, inda tanto trono e cadeiras xestatorias ?
O Papa Benedito (Bendito)acenounos primeiro. Pero non pudo ser.
Despois díxonos que xa non tiña forza corporal nin espiritual para tanta cousa, e a xente comezou a escamarse por se se lles baixaba da Cruz. Tampouco pudo ser.
Finalmente o Papa, con infindas precaucións, dixo: ¡¡ a Igrexa necesita evolución e renovación !!. E tódolos papistas sentíronse inconsolablemente orfos.
Cando de pequenos íamos ás mazás e soltábanos ós cas, o amigo Moncho -o da perna ortopédica- berraba sempre fatigosamente tras de nós: ¡¡Non corrades que é peor, que é peor...!! . E agora, cando vamos ós bosones, a Xerarquía sigue facendo sempre o mesmo -o mesmiño-: escapando detrás.
DO INSOMNIO
O noso pensamento é tan inevitable coma alleo. Non é fácil pecar con el.
Sen embargo, unha filosofía sabia e desvinculada aseméllase moito á masturbación.
¿E quén dicía aquilo de que Dios non sabía facer a evolución, nin o heliocentrismo, nin a circulación da sangue?. Pero, ¿cómo se pode ser tan animal?
Respecto a Creación, Hawking non da saído do simil da reloxería; se ben xa sen reloxeiro.
E, xa postos, o que pasa é que os grandes imposibles (o infindo, o espazo, a nada, o principio, a eternidade etc.) non poden ser cribados polas nosas peneiras. Son outra cousa.
Se vostede -coma eu- dalle a un DVD para atrás, dentro del o Universo volveráselle tolo. Por exemplo, as defenestracións converteranse en saltos de altura, as cousas caerán hacia arriba, os efectos producirán causas, a gravidade, repulsións e o ceo, vértigo. Pero nin o Universo nin o tempo poden facer tales cousas; non son así. Isto é o que me ensinou Tati cara atrás; que non se pode viaxar ó pasado, que non hai máquinas do tempo e que, ó mellor, xa nin tempo temos..
DO ÓSCAR
O Quixote impreso en papel hixiénico e con faltas de ortografía inda é o Quixote.
Pese a elo, nin Dickens, nin Victor Hugo, nin Bernard Shaw, nin Shakespeare, nin Tolstoi, nin os mesmísimos Cervantes e San Mateo recibiron nunca o máis mínimo Óscar.
DA CRISIS
Como se sabe, democracia quere dicir etimoloxicamente goberno do pobo -da plebe-. Pero hoxe en día semellaría máis xusto falar do goberno dos gobernados. O malo é que tal réxime tería que chamarse pancracia.
A burbuxa do ladrillo podería atenuarse poñendo en cultivo centos de miles de terrazas que por riba das casas se cocen agora esterilmente ó sol. Non é tan fácil roubarme esta idea.
Suxerente contribución a do ABC 27/2/2013, en primeira plana, a mellorar a crisis do separatismo centripetista: GOLPE DE AUTORIDAD DEL MADRID EN BARCELONA nos di. Non di, por exemplo, GRAN TRIUNFO DEL MADRID SOBRE EL BARCELONA ou similar. Non. Di golpe e Barcelona. Xa sei, xa sei, que non é para tanto e que si patatín e si patatán. Non mo expliquedes que me aburro. Xa o di o refrán: Se queres saber o que a xente pensa de ti, observa ós seus nenos. A torpeza secesionista non é soamente unha cousa centrífuga e periférica. Pero sobre todo é unha falla de respeto aancestral.

Andrade, Fernando
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora