De Preescolar na Casa a Educando en Familia
Xiz, Xulio - lunes, 04 de marzo de 2013
Cando eu era mozo, indicabase que non se falaba de mortos para indicar que había testemuñas abondas para acreditar a veracidade do que se dicía. E eu hoxe, sen embargo, teño que falar dun morto, pero todos sabemos que é verdade esto que digo. O morto chamouse en vida Preescolar na casa, e foi unha aventura educativa iniciada hai trinta e cinco anos a través de Cáritas por Gandoy, o Crego da Bicicleta, que agora ten monumento en Fingoi, con bicicleta incluída.
A idea tivo unha magnífica acollida porque en tempos que a educación do máis novos só era de pago e para os das cidades, Preescolar formaba aos páis para que fosen os que no seu domicilio formasen aos pequenos. E milleiros de pequenos con clases presenciais de apoio, un programa de TV, un magnífico equipo de formadores e o proxecto convertido en Fundación, fíxose mítica Preescolar na casa.
Pero chegou o momento en que os recortes evidenciaron o seu lado máis amargo, e a Consellería de Educación da Xunta decidiu non apoiar Preescolar na casa, desapareceu a iniciativa, pecharon as súas instalacións, cesaron os mestres e instalacións, mobles e o mesmo nome saen a subasta o 21 de marzo no xulgado lucense do Mercantil.
Que morría Preescolar na casa tiñamolo asumido todos os que apreciamos o labor de tanta xente e tanto tempo, e nos doemos da súa perda como a perda de algo propio, do país, que é destacado exemplo en países do extranxeiro, e merecía mellor futuro e digno presente.
Pero se morreu o órgano non así a función, alomenos na Terra Chá e na Costa lucense, onde traballaban dúas profesoras de Preescolar que retomaron a función co nome de Educando en Familia, coa financiación dos concellos afectados e da Vicepresidencia da Deputación Provincial.
Os nenos de duascentas familias son atendidos por estas dúas mestras, proporcionando a pequenos que xa viñan participando e a outros que agora se achegan de primeiras a esta iniciativa, a posibilidade de que os seus pais se encarguen da primeira formación nas casas, sen ter que acudir ao colexio como farán máis adiante, e sen ter que utilizar o transporte escolar, no calor dos seus domicilios.
Morreu Preescolar na Casa, viva Educando en familia!. Aínda que sexa nunha mínima parte, é reconfortante que o programa non morra de todo, xa que tan bos froitos daba. É gratificante saber que nunha ducia de concellos da Chaira e da Costa, alomenos douscentos nenos poden seguir disfrutando da preescolar na súa casa.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora