Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un certo recendo a podre

lunes, 04 de marzo de 2013
Se non afastamos o lixo do noso entorno, convértese en algo podre e noxento e ademais perigoso para a saúde. A saúde democrática deste país está en corentena por mor dun lixo putrefacto que a foi invadindo pouco a pouco coma se dun virus pernicioso se tratara. O pobo, estupefacto asiste a unha representación esperpéntica, a unha función que semella saída dos máis abxectos baixos fondos da mafia siciliana, Pero por desgraza é “cousa nostra”.

Os chamados papeis do extesoureiro do PP puxeron en evidencia o comportamento de certos políticos que se achegan máis as praxes de delicuentes-de luva branca- ,iso si, que ás de representantes democraticamente elixidos para defender os intereses da cidadanía.

Resulta que os que deciden sobre as nosas vidas e facendas, aqueles que rebaixan os salarios e elevan os impostos , aqueles que recomendan austeridade porque, segundo din, vivimos por enriba das nosas posibilidades, os que posibilitaron os despedimentos máis baratos, os que inxectaron miles de millóns de euros a banqueiros sen escrúpulos, os que pretenden liquidar a sanidade e a ensinanza pública, os que teñen a democracia como plataforma para satisfacer os seus espurios intereses e a patria coma coartada, eses, precisamente eses, non teñen ningún reparo en cobrar sobresoldos en diñeiro negro de sospeitosa procedencia ao tempo que as listas do paro acadan límites abraiantes.

Eles din que non, claro, que todo isto non é máis que unha groseira conspiración urdida dende o PSOE que é de onde soen agromar estas cousas para amolar ao PP. O presidente do goberno dixo que dentro duns días estará pendurada a súa declaración da renda na páxina web da Moncloa. Outra vez, e non sei cantas van, quérennos facer parvos. Non estamos a falar de sobresoldos “en branco”, trátase de diñeiro negro a cambio, cabe supor, de favores. O diñeiro negro é negro porque non se declara a Facenda. A ver de que vamos. A bosteira xa está no ventilador e salpica ás máis altas institucións do Estado, dende a Casa Real ata o goberno e a exministros de ternas anteriores.

A ver en que queda todo isto, pero todo apunta a que a estratexia do PP é deixalo podrecer, que deixe de cheirar e “pelillos a la mar”.

E que me din dalgunhas señoras que non se decatan de nada? A esposa de Urdangarín non soubo das trapalladas do seu marido, o mesmo que a señora Mato, aínda ministra de sanidade, que tampouco sabe como apareceu un “Jaguar” no seu garaxe nin quen sufragou os gastos da primeira comuñón e natalicio dos seus fillos, nin quen lle fixo regaliños... Todo isto é máis propio dun guión cinematográfico ao máis puro estilo Scorsese que de historias sacadas da vida real. É desexable que a fiscalía ou quen corresponda poña a cada quen no seu sitio, caia que caia.

Un ministro inglés dimitiu por trampear cunha multa de tráfico e aquí “Dimitir”, coma dicía un “graffiti” en Andalucía, semella ser un nome ruso.

Polo de pronto o PP impediu que o presidente dese explicacións no Congreso ao amparo da súa maioría. Unha vez máis o partido conservador, pretas as filas, impide que o presidente aclare certas cousas, amosando así un absoluto desprezo ao resto dos grupos políticos que solicitaron a súa comparecencia . Unha maneira moi peculiar de entender o exercicio democrático. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES