Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As miñas traballadoras

lunes, 04 de marzo de 2013
A Uned Senior de Xestoso reúnese para celebrar o día internacional da Muller en solidariedade con máis da metade da población mundial.

Nestes días vértense regueiros de tinta para falar deste tema: que se os dereitos das mulleres, que se as mulleres do terceiro mundo, que se as do cuarto, que se as víctimas do maltrato na vida en parella, que se a desiguladade de salarios, etc, etc.

Na Uned Senior queremos ir por outro lado.
Eu son unha alumna que, mediante estas humildes palabras, quere render unha pequena homenaxe a un colectivo de mulleres que traballou e traballa moitísimo para min ó longo de diferentes etapas da miña vida. Quero mostrarlles o meu máis profundo e sincero agradecemento desde ese lugar sagrado que está no interior do meu ser.

Chámolles cariñosamente “AS MIÑAS TRABALLADORAS” a todas aquelas mulleres que coa súa valiosísima intervención colaboraron e colaboran moi intensamente para o meu enriquecemento persoal.

Son moitas as mulleres da miña historia persoal, aqui só me vou referir a algunhas coa certeza de que se alguén le estas liñas, é moi probable que saque as súas conclusións, que deso se trata. Con esa intención fago públicas esta vivencias.

A máis antiga foi a madriña de miña nai. Ela non tivera fillos e volcábase de cheo comigo. Déixoume ben claro que hai que gaña-lo pan honradamente e aforrar algo para a ancianidade.

A seguinte foi miña madriña e avoa materna, que inculcou na miña vida valores tan importantes como a nobleza, a limpeza, o espírito de colaboración, o temor de Deus e, sobre todo face-la vida feliz os que te rodean na ancianidade.

Por orde cronolóxica seguille a miña nai que ademais de darme a vida, deume moi bos exemplos como muller sumamente loitadora e crente. Non tendo case nada, sempre tiña moito para todos. Oínlle dicir moitas veces que había que facer de tripas, corazón.
Non puído deixarme bens materiais pero pouco antes de falecer regaloume unha talla en madeira de castaño, da Última Cea e díxome: “Coa recomendación de Deus e máis a bendición de túa nai, tes suficiente”
E nos derradeiros segundos da súa agonía cando xá non vía pero ainda conservaba o oído, sacou forzas e deume unha aperta que a levo comigo por días de vida.

Outra muller que deixou a súa pegada moi fonda na miña alma foi miña tía María: a xenerosidade personificada. Non teño palabras para expresar de que masa estaba feita aquela muller. Sempre alegre a pesar de que unha enfermidade crónica a torturaba. Sempre servicial, sempre presente, sempre disposta a todo. Unha muller incondicional. Sumamente exemplar.

Se as mulleres da miña familia traballaron duro para darme bos exemplos, non foron menos válidas algunhas das miñas mestras.

A primeira mestra que me ensinou a ler no Rayas: “mi mamá ma ama, mi mamá me mima, amo a mi mamá”. Foi para min unha segunda nai. Como eu era tan pequerrechiña, tan filusmía e tan pouquiña cousa, collíame no colo para subir á aula porque os nenos maiores atropelábanme. No recreo levábame a cociña e dábame leite quente. Cincuenta anos despois localiceina, visiteina e acompañeina na súa agonía no Sanatório Modelo.

A mestra dos dez anos era unha rapaza recén saída da Escola de Maxisterio, todo vitalidade. Extremadamente esixente na clase. Dábanos unhas explicacións maxistrais acomodándose á nosa relidade do rural galego do momento. Nos recreos era unha de tantas a xogar com nós á “reuda, rueda de pan y canela” e outros xogos que non recordo. Abriunos os ollos da intelixencia e presentounos para a obtención do “Certificado de Estúdios Primários” Aínda conservo com moitísimo cariño, aquel preciado título colgado na parede da miña biblioteca.
Con ela reencontreime casualmente nun curso para Profesores, corenta anos despois. Acompañoume na miña xubilación, regálame loteria tódolos anos polo Nadal e telefonéame antes de irme de vacacións. Está moi orgullosa de min. Eu dela, xá non digamos.

Outra Profesora deume clase de varias asignaturas, desde os doce ata os dezanove anos. Seguiu a miña pista toda a vida e no ano 2002 pasamos tres dias completos conversando nun convento de clausura em Lora del Rio (Sevilla). Tiña 89 anos. Era todo um manacial de sabedoria e santidade. Foron os tres dias mais felices da miña vida.

“As guardianas do hospital” –como cariñosamente lles chamo- son as que me acompañan noite e día, cada vez que ingreso no hospital.

As miñas amigas de Paderne que son o máis parecido a unhas irmás biolóxicas. Con esto xa digo todo.

Varias ex-alumnas que se comunican comigo com tanta ou máis frecuencia que coa súa nai.

As miñas amigas catalanas que están pendientes de min todo o ano, pero de xeito especial durante os dous meses de vacacións.

E outra moitas... Elas son “as miñas traballadoras” porque me enriquecen co seu bo facer.
¡Non quero pensar o que sería a miña vida sen elas!

Se vostede tivo a paciência de seguir con atención estas vivencias miñas, seguro que afloraron á súa mente e ó seu corazón moitas mulleres dun valor incuestionable na súa vida.

Tódalas mulleres se verán representadas ben como avoas, como nais, como irmás, como esposas, como amigas, etc

Por eso, ó meu humilde parecer estas vivencias contribúen de modo moi positivo a descubrir a maior das riquezas que leva consigo o ser humano: o amor.

E por esa mesma razón, na Uned Senior de Xestoso estamos celebrando este día en homenaxe a tódalas mulleres que dun xeito ou doutro, traballan para o enriquecemento da humanidade.

¡Moitas grazas!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES