Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rosalía e Díaz Castro

jueves, 28 de febrero de 2013
A sombra luminosa de Rosalía de Castro proxéctase infinda e caudalosa ata os nosos días. Moitos teñen sido os escritores e escritoras que, dunha ou doutra maneira, amosaron admiración pola súa figura e deixaron transparentar na súa obra evidentes pegadas que a homenaxeaban. Entre todos eles, quero hoxe prestar atención á presenza e ao influxo que a autora imprimiu na obra doutro extraordinario poeta: o guitiricense Xosé María Díaz Castro (1914-1990), quen tivo nela unha referencia modélica e sentiu a súa escrita como a mostra sensible dun espírito xemelgo que se vertía en incomparables versos.

Díaz Castro tivo dende moi novo os textos de Rosalía á man, mais non foi ata a súa plena madurez que descubriu a fondura e o fulgor dos seus poemas. Nunha carta a Ramón Piñeiro do 23 de abril de 1963 confesáballe: “Xa sei que iste ano cómprese o centenario da aparición dos Cantares Gallegos de Rosalía. Tamén, pra conmemoralo, quixera poder facer algo. Parceráche increíble; pro eu, que dende fai moitos anos teño as Obras Completas de Rosalía, realmente non a ‘descobrín’ hasta fai moi pouco tempo: e quedéi maravillado. Eu non sabía hastra qu’é punto a sua ‘ialma’ era irmá da miña; sin sabelo, eu estaba escrebindo coa mesma ansia de realidá, fondura radical e a trascendencia que ela sentía. Pra vergonza miña, non conocía eu a Rosalía: de repente descobrín que ela é un dos máis grandes poetas —nacionás e estranxeiros— que eu lin na miña vida. Cántas falsedás se teñen dito de Rosalía, atribuíndolle vaguedás románticas, poño por caso, cando a verdade é que tiña un sentido da realidade case sangrante!”

A cita é longa, pero describe perfectamente a visión que de Rosalía e da súa poesía tiña Díaz Castro, a quen non doen prendas en recoñecer que o seu camiño lírico emparenta claramente coa da cantora do Sar.

A brevidade necesaria deste escrito obrígame a obviar outras testemuñas que corroboran a devoción de Díaz Castro por Rosalía, mais abonde dicir que en termos semellantes aos dirixidos a Piñeiro se manifestou o de Guitiriz noutras epístolas a Xosé Luís Méndez Ferrín (en 1969) ou Ricardo Carballo Calero (10-7-1980).

Como non podía ser doutra maneira, a alta consideración de Díaz Castro por Rosalía acabou reflectíndose nos seus propios versos, onde a escritora aparece como motivo literario en diversas ocasións. A primeira que se documenta sería o poema en castelán “Regreso”, publicado baixo o seudónimo de Iago Castelo na coñecida revista madrileña La Estafeta Literaria en 1946. O texto, que integraba dous sonetos, desenvolvía o tema da volta á Terra do autor (que vivía en Madrid). No primeiro deses sonetos expresaba este o seu respecto pola matria deste xeito: “No he venido a robaros la poesía,/ gracia tras gracia, como Rosalía:/ quiero vivir yo mismo en el soneto.”

Como se ve, a poeta figurou sempre no imaxinario creativo e referencial de Díaz Castro, o que explica que moitos anos despois, en 1987, dese á luz na revista Xermolos un poema en galego dedicado integramente a ela baixo o título “Lembrando a Rosalía”. Como é longo abondo para reproducilo, abondará con dicir que todo el é unha refactura en homenaxe á “Negra sombra” rosaliana, unha das máis sentidas e logradas das moitas que se levan feito.

Pois ben, por ese mesmo tempo (maio de 1987), Díaz Castro escribiu outro interesante poema no que xunguía a figura de Rosalía cos destinos da propia Galicia. É este un poema rigorosamente inédito, conservado nun autógrafo manuscrito, que a seguir se exhuma (podes ver o orixinal en maior tamaño clicando na imaxe):

Galicia está no berce sin moverse
illa soia e sin amore,
xa que nunca quer erguerse,
deixái que durma e chore.
Raigaña de Rosalía,
a quen ti fixeche eterna.
Galiza, feita de cerna
e de beixos de auga fría.
Fonte pura
de tenrura,
¡miña vella idolatría!

Xa que logo, fica patente a alta estima que por Rosalía sentiu Xosé María Díaz Castro, así como tamén a visión que dela tiña como raiceira e símbolo da propia Terra que a vira nacer, un país que agora celebra con gozo o sesquicentenario dos seus maxistrais Cantares gallegos, un legado literario excepcional para o noso século e as centurias que virán.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES