Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contrastes en torno a Cuba

jueves, 28 de febrero de 2013
Raúl Castro cumpriu cinco anos á fronte dos destinos de Cuba. A finais de febreiro, aos seus 82 anos, asumiu o seu segundo e derradeiro mandato trala proposta de reducir a dous os períodos consecutivos de permanencia nos cargos partidarios e gobernamentais. O lustro transcorrido veu marcado pola introdución de diversas reformas. O que segue centrarase na preparación da continuidade cun nome clave en perspectiva: Miguel Díaz-Canel, de 52 anos.

Ministro de defensa entre 1959 e 2008, Raúl, sempre á sombra de Fidel, desenvolveu nestes anos o deseño dun plan de cambios para a sociedade cubana co imperativo declarado de evitar o colapso do proceso histórico iniciado na Serra Maestra, aqueixado de gravas taras. A finais de 2008, autorizou o usufruto das terras ociosas por parte dos campesiños co obxecto de reducir a elevada factura polos alimentos que importa a illa. Logo veu o permiso para adquirir libremente teléfonos móbiles e ordenadores ou hospedarse en hoteis, posibilidades negadas ata entón e unicamente ao dispor dos turistas ou empresarios estranxeiros. O diálogo coa Igrexa Católica en 2010 permitiu a liberación dun cento de presos políticos e a visita de Bieito XVI en 2012.

Tras 14 anos sen congresos, en 2011 convocou o máximo conclave do Partido Comunista para acordar unha folla de ruta que permitise a actualización do modelo, dando paso a medidas longamente ansiadas pola poboación: a libre compravenda de casas e automóbiles, a ampliación das actividades económicas a desenvolver de forma autónoma, maiores facilidades de acceso ao crédito por parte dos particulares… En xaneiro pasado tamén entrou en vigor a reforma migratoria poñendo fin ás importantes restricións que dificultan a entrada e saída do país, en vigor desde hai medio século.

En paralelo, no ámbito internacional, co apoio dos países da rexión, en 2009 quedou sen efecto a expulsión de Cuba, adoptada en 1962, da Organización de Estados Americanos, a OEA, á que decidiu non volver. O respaldo rexional confirmouse coa asunción recente da presidencia rotativa da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC).

As reformas de Raúl con seguridade non serán as que moitos lle reclaman dende o exterior e tamén desde dentro, consideradas totalmente insuficientes e interesadas, pero sen dúbida está a asumir riscos, por outra banda inevitables para saír do impasse, que contrastan coa ausencia de xestos efectivos por parte do principal contendente ideolóxico da illa. A eliminación do bloqueo e a apertura dun diálogo directo entre EEUU e Cuba, reclamado mesmo por segmentos cada vez máis significativos da inmigración cubana de Miami, debera figurar na axenda de Obama, tamén no seu derradeiro mandato.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES