Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Resiliencia

miércoles, 27 de febrero de 2013
Resiliencia é a capacidade do ser humano para facer fronte ás adversidades da vida, superándoas e transformando positivamente a realidade. Os resilientes saben moi ben que “a forza de noites constrúense as albas”, como diría Lluis LLach. E sábeno porque experimentaron a arte de reinventarse, de buscar camiños sen cancelas e de depositar unha fe infinda no seu propio interior para prosperar.

A capacidade de resiliencia implica unha autoestima positiva, e un profundo coñecemento do noso interior. Pero tamén implica o optimismo, un compás vital que nos leva a definir a crise como unha oportunidade para medir e pór a proba a nosa forza; e non como unha corda frouxa que nos venta o fracaso.

Todo ser humano necesita vivir situacións límite para rachar os seus propios límites (sobre todo os mentais, asumidos sen unha reflexión previa), a resistencia nestas probas marcará o noso xeito de crecemento.

Debemos asumir que a vida é unha carreira de obstáculos na que todos temos que pagar a peaxe da adversidade, e é nesta peaxe na que nos xogamos o porvir. O porvir é a diferenza entre desistir e resistir; por iso nesta peaxe xogámonos, tamén, a propia felicidade.

A resiliencia convídanos a crer en nós mesmos, baixo a idea indiscutible de que a elección da actitude é a liberdade suprema coa que nos agasallou a Natureza. Só nós podemos elixir as nosas reaccións, o comportamento que executaremos e as emocións que faremos presentes en cada situación. Só nós podemos elixir actuar de acordo cos nosos valores alén da adversidade. A través da resiliencia podemos facer homes libres, éticos, capaces de ser o que lles dea a gaña en comunidade e interdependencia.
Homes resistentes á adversidade e fortes para virar a proa cara mares de sosego.

Educar para a resiliencia supón evitar fracasos, formar para o cambio e para os vaivéns que sen dúbida traerá a vida; que dun xeito ou de outro nos convida a ser felices na resistencia, na busca, na construción do propio camiño; crendo en nós mesmos e facéndolle fronte á adversidade; gozando sempre do acto creador que é consubstancial á nosa propia existencia e danos constantemente a oportunidade de crearnos e recrearnos para medrar ata a fin dos nosos días.

Vivir é só facer camiño, e o camiño faise crendo na labor do día a día. A resiliencia permítenos fuxir do fracaso, aprender constantemente ata ver realizada a nosa misión. Só a morte dobra a un bo resiliente.

Eu formo parte dun pobo de resilientes, por iso sei que todo virará en porvir. Mais cando este chegue non acreditarei nos que queiran facer del unha vitoria individual, ou mesmo persoal. O gran resiliente foi o pobo, que aguantou condicións de risco sen fraquear. É a el a quen lle pertence a vitoria da súa resiliencia, e con el haberá que celebralo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania