Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Resérvame unha mesa, Paco!

lunes, 06 de junio de 2005
Era, coido, Santa Teresa, a que dicía que tamén entre os pucheiros se atopaba o Señor.

Non creo que faga falla recurrir a esta cita para chegar á conclusión de que a gastronomía é un capítulo moi importante no eido da cultura, e tanto os materiais nos que se basea a dieta dunha comunidade como os xeitos de preparalos ou de consumilos, son unha parte imprescindible dese conxunto de coñecementos que se coñece coa denominación global de “Cultura popular”.

Nas terras lucenses houbo hai xa moitos anos unha campaña que chegou moi lonxe, de xeito que aquelo de “Y para comer, Lugo” deu a volta ás Españas, e hoxe chegar a calquera punto do Estado permite comprobar que é de xeral coñecemento que nas terras lucenses hai excepcional materia prima e xeitos artesáns de preparala para facer honra á sona gañada despois de tanto tempo e tanto esforzo.
Pero no noso caso, o mundo chámase “Terra Chá”, e na Terra Chá temos numerosos focos de cultura, especializados en temas gastronómicos. E un deles está no pobo de Baamonde.

A Familia Corral

A Familia Corral, en Baamonde, ten unha significación cultural imprescindible na Terra Chá.

Un dos irmáns, membros da primeira xeneración, Víctor, ten casa de arte aberta a tódolos ventos da Chaira, e convertida en museo recibe a diario a visita de numeros admiradores da arte e da amizade.

Na segunda xeneración, a súa filla Eva, que colabora co seu pai e ademáis pinta, é garantía de continuidade ó fronte da casa-museo de Baamonde.

Xoán, irmán de Víctor, á beira da estrada nacional VI, no Restaurante Galicia, ofrece xunto coas súas creacións gastronómicas, espectáculos artísticos que evidencian unidade e harmonía entre dúas disciplinas afíns e complementarias: arte poético e teatral na noite dos sábados, e gastronomía popular tódolos días.

O fillo de Xoán, Jamy, é un destacado fotógrafo.

E xa van catro membros da familia dedicados á cultura.

E os outros dous irmáns –Toñín e Paco- máis arriba, ofreceron sempre garimosa oferta de productos caseiros servidos de tal xeito que un sempre sente que é coma na casa; que está na casa.

Estes dous irmáns Corral rexentaban o Restaurante O Labrego, no alto de Baamonde, á beira da Casa-Museo de Víctor.

Toñín e Paco

Con estes dous irmáns, os que temos vencellos con Xermolos, disfrutamos sempre dunha relación especial. Os dous foron durante moitos anos os restauradores oficiais dos Encontros na Terra Chá.

Téñennos atendido na súa casa en encontros culturais diversos, especialmente cando o tempo non permitía que as celebracións gastrónomicas e culturais se fixesen no San Alberte.

Pero as súas mellores atencións, e os seus mellores resultados, disfrutámolas e obtivéronos sempre no mesmo San Alberte, nos Encontros da Terra Chá, onde suplían con traballo e intelixencia calquera carencia, e onde lograban que xantar ó aire libre tivese as mesmas sensacións gratificantes que no mellor restaurante.

Porque, axudados polo especial ambiente do San Alberto, á beira de secular capela e baixo a sombra das frondosas árbores, o agarimo dos restauradores facía que os tableiros e as sillas de tixeira se transformasen en cómodo mobiliario para acoller amistosos xantares na mellor das instalacións.

Fóisenos Paco

E agora fóisenos Paco, vai xa para un ano. Quedou só seu irmán ó frente de “O Labrego”. Paco foise ó ceo dos chairegos a ocuparse de boa parte da infraestructura gastronómica que por alí reine, xa que un supón que nese ceo teñen que seguir rexendo as mesmas reglas gastronómicas que aquí abaixo.

E quen na terra tivo sempre o sorriso na faciana, e facía arte na cociña e relación na mesa, quen trataba coas xentes da cultura como amigos de toda a vida e, á vez, como as maiores autoridades do mundo que habitamos, ten gañado pasaporte para o máis aló para seguir alí facendo as mesmas funcións pero a moi outro nivel.

Paco, no ceo dos chairegos, segue a dedicarse ó mesmo que aquí. Está, por veces, na cociña, botando unha man para que os cociñeiros e cociñeiras non noten o abarrote dun fin de semana festeiro; colaborando en preparar salsas, mirando o punto dos asados, baixando o lume dos fogóns, solucionando carencias de última hora.

Pero Paco está, especialmente, atendendo as mesas celestiais onde para todos ten unha palabra especial, persoal, amable. Servindo polbo á feira, lacón con grelos, empanada, cabrito ou pescada… pero sobre todo servindo sorrisos, xestos, saúdos, amizade, irmandade… como aquí abaixo nos tiña afeitos a todos.

Un ano despois da súa marcha ó ceo dos chairegos, Paco recibe a nosa homenaxe.

Para os que na vida terrea non lle demos nunca as gracias polo seu traballo e a súa dedicación, é esta unha segunda oportunidade que queremos aproveitar para dicirlle a Paco e á súa familia (a Paco e a tódolos Paco que saben vivir esto da cultura gastronómica), que o seu papel é moi importante; que o seu traballo é importante en razón directa á súa entrega, á súa disposición, ó seu sorriso. Ou sexa: insuperable.

¡Felicidades, Paco, por este primeiro ano da túa nova vida!. Resérvanos mesa –non sabemos para cando– nese especial recanto no que algún día agardo nos vexamos.
E recibe unha tenra, longa, forte e tardía aperta do teu amigo, Xulio Xiz.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania