Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros: as imaxes máis quentes

martes, 26 de febrero de 2013
Unha escola escasa. Unha televisión excesiva que impide que tebeos, contos e libros colonicen o tempo de nenos e rapazas estimulando con forza a súa fantasía. Imaxes, músicas e palabras son a papilla televisiva que enche o bandullo do cerebro sen alimentarnos. Diante da pantalla non temos que ler as imaxes, non temos que mastigar as palabras. Non temos que pintar as músicas. A mensaxe é una masaxe, unha sopa fría que non excita nin provoca ás nosas neuronas.

A cámara máis sofisticada de televisión xamais poderá substituír á cámara do cerebro. Non pode ver tanto, nin imaxinar tanto, nin viaxar tan lonxe como o que entra polos ollos desde a pradaría dos libros. A televisión, imprescindible hoxe, é un medio frío, afastado, predixerido. A lectura é un medio quente, excitante, provocador.

A televisión produce fartura. Os libros xamais deixan satisfeita a nosa curiosidade onde o cerebro crea as súas propias imaxes infinitamente máis engaiolantes e fermosas que as que ofrece a realidade. Os libros son auga que xamais calma a sede.

Na televisión hai moito ruído. Os libros habitan territorios de silencio. E mentres as mensaxes masaxe da televisión petan contra os sentidos, as palabras enfiadas en frases, crávanse ben fondas no cerebro nun incesante proceso de estimulación e creatividade.

Non se trata agora de criticar a televisión e loubar os libros. Pero o certo é que as pantallas omnipresentes, excesivas, gritonas e coloreadas se están a comportar como Saturno devorando o tempo dos rapaces. Demasiadas pantallas na casa. Excesivas horas diante da televisión: 900 anuais, señoras nais, señores pais, por 960 nas aulas. Demasiada pereza intelectual e o cacao mental previsible de mesturar imaxes e mensaxes tan diferentes co cullerón frenético e infantilizante do mando a distancia.

Ler é una conquista individual que nos ensina a estar connosco e a solas co libro. E cando moitos, no espazo sagrado e imprescindible das bibliotecas públicas, se xuntan para ler os seus libros o ambiente de silencio, de traballo e de cultura ennoblece, dignifica, enriquece.

E cada vez que abrimos un libro, un xigante amable e xeneroso esperta para nos facer invencibles. En cada folla que pasamos todas as fórmulas do Ábrete Sésamo permiten acceder á cova de papel chea de tesouros innumerables.

Sentado en soidade, diante dun libro, podemos conversar e mesmo aprender con Salgari, Manolo Rivas, Emilio Lledó ou Agustín Fernández Paz. Ou con ese multimillonario neno mago de cuio nome non quero acordarme.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES