A renuncia de Bieito XVI e outros apuntes
Pin Millares, Xosé María - lunes, 25 de febrero de 2013
1.- A renuncia libre, espontánea e por sorpresa de Bieito XVI é sen dúbida un acontecemento tan inesperado como novidoso. Ao longo da historia do Pontificado houbo casos de renuncia á dignidade Papal, pero todas elas foron máis ou menos forzadas. Un caso moi sonado é o de Celestino V, elixido o 5 de maio de 1284, despois de 25 meses de sé vacante. Era un anacoreta, que vivía nos Abruzzos, alleo ás ambicións das poderosas familias romanas, Colonna e Orsini, que acosaron ao inxenuo Celestino, mesmo con voces misteriosas de ¡renuncia, Celestino! O seu sucesor, o ambicioso Benedetto Caetani, tomou o nome de Bonifacio VIII, foi elixido nas vintecatro horas seguintes, detivo a Celestino ata a súa morte (19.V.1296). Estamos nun dos períodos máis convulsos e negativos da complexa historia do Papado.
2.-Cambio de nome. O primeiro papa que mudou de nome foi Xoán II (533-535), o seu nome, Mercurio, non se consideraba adecuado para un Pontífice, o mesmo sucedeu con Xoán XII, de nome Octavio Augusto, papa de vida absolutamente escandalosa e disoluta, tamén parecía inadecuado que Sergio V ( 1009-1012), ademais de chamarse Pedro, se completase con Bocca di Porco. A partir desta época o cambio de nome convértese en algo habitual, de tal maneira, que posteriormente soamente sete Papas non cambian de nome: Benedicto VI e VII; Xoán XIII e XV; Xulio III, Marcelo II e Adriano VI.
3.- Desde Alexandre III (1179) a elección papal quedou en mans dos cardeais, o que non quere dicir que quedase libre de influencias do poder temporal. O caso máis próximo de intromisións do poder político foi o veto que o emperador de Austria, Francisco Xosé, presentou contra o cardeal Rampolla que aparecía como posible sucesor de León XIII en 1903, considerado como francófono e acusado de masón desde a corte austro-húngara, o que posibilitou a elección do cardeal Sarto co nome de PíoX.
4.- As profecías de san Malaquías. Gozan de certa popularidade e nula credibilidade as chamadas Profecías de san Malaquías que aparecen en 1595 e inclúen divisas de 112 Papas, bastante precisas no tocante aos papas anteriores a esa data, pero moi ambiguas e difusas, tipo horóscopo, respecto aos seguintes. O derradeiro será, segundo tales profecías, Pedro Romano (Pedro II), sucesor de Benedicto XVI.
Predicir, sobre todo o futuro, é moi complicado, o mesmo Papa actual afirmou nalgunha ocasión que o Papa era elixido polos cardeais, unha elección, por tanto, supeditada a multitude de variables. Algúns, mesmo pensamos, que o Espírito Santo, se lle deixan, ten algo que ver na elección. De todos modos, posiblemente a renuncia sería moito máis operativa se for acompañada da desaparición do modelo medieval do papado, pero suporía o esborrallamento dun edificio tan vello e arqueolóxico coma cargado de pegotes que case o converten en irrecoñecible respecto ao seu modelo orixinal.
Confiemos que así sexa, un pouco antes do Pontificado de Pedro II.

Pin Millares, Xosé María