Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A espionaxe e a sociedade líquida

viernes, 22 de febrero de 2013
Éramos poucos e pariu miña avoa...!. Pero...qué máis despropósitos lles faltan de ofrecernos ós nosos gobernantes...?. Xa sabemos que os estados fan uso da espionaxe, primordialmente para garantir a súa seguridade; pero salpicar o territorio nacional de espionaxes con fins inconfesables por vergonzosos, precisamente nun momento en que as institucións do Estado Español están nun nivel tan baixo de estima popular, parece, cando menos, unha incompetente aberración. Isto é propio dunha dictadura, e eu (permítanme o uso da primeira persoa) recordo ter escrito neste medio que estamos no ámbito dunha polidictadura, e tal vez só así teña explicación, que non xustificación!, o que está ocorrendo no noso país.

Hai, por suposto, unhas canles legais que regulan esta clase de prácticas, confiadas a determinadas autoridades co fin de que certos delitos non queden impunes; pero isto é música doutro costado. Sen embargo, chama a atención que non se extreme máis a vixilancia nos casos do “diñeiro negro” e da evasión de capitais a paraísos fiscais.

E cando se reciben noticias desacougantes desta índole, o primeiro que se nos ocorre é recorrer a algún pensador que dedica ou dedicou a súa vida a realizar investigacións das sociedades actuais. Non se trata tampouco de que estean investidos da infalibilidade, pero sempre ofrecen perspectivas útiles para analizar o acontecer desconcertante ou considerado aberrante. Sen dúbida, no fondo están sempre, de aquí o fastío da reiteración, as cuestións éticas e morais. Permítanme, pois, que diga algo ao respecto.

Noutra colaboración dixemos algo acerca de Zygmunt Bauman, un renomeado sociólogo de orixe polaco, que ten unha obra que non deixou alleos aos estudosos da cultura contemporánea, porque é clave para entender o devir social, cultural e político contemporáneo. (Para máis información,entrar en:
http://www.ucm.es/info/nomadas/19/avrocca2.pdf).

Temas nucleares deste sociólogo son: a política, a violencia, o consumismo, a globalización, o individualismo, etc. As súas obras son moi significativas, como “Amor líquido”, “Modernidade líquida”, “Tempos líquidos”, “Vida líquida” e outros traballos. Co denominador común de “liquidez”, pretende espertar o interese pola fraxilidade e fragmentación que caracteriza esta época, evidenciando o temor a manter compromisos durareiros ou para toda a vida. Xustamente por iso debilítase a solidariedade e outras virtudes, sempre condicionada ao implícito desexo de acadar algún beneficio.

Por oposición a “liquidez”, destaca a “modernidade sólida” e “pesada” preocupada pola orde, a racionalidade, os estados-nación, os metarrelatos consistentes, etc. Pero hai no seu pensamento un rexeitamento as aparencias que manteñen unha capa externa de virtudes éticas, porque cando se profunda nas relacións descóbrese a superficialidade da estrutura ética e moral e a “liquidez” nos compromisos e propostas.

Andrés Schuschny, Lic. en Ciencias Físicas e Doutor en Economía, Profesor en varias Universidades de América Latina, escribiu sobre a “moral en tempos líquidos” e pregúntase: “Acaso non teríamos que definir unha MORAL LÍQUIDA?”. “¿Non sería a INTEGRIDADE MORAL, tal como a adoitamos entender, unha modalidade de ser PESADA, SÓLIDA, CONXELADA, non fluída?”. Di que a xente íntegra e honrada de antano era “sólida” porque non alteraba a súa forma de ser e mantíñase fiel a certos principios.

Sen embargo, a xente desta sociedade de hoxe, en termos de Bauman, non ten sosego, explota en ofertas e consumos, en pelexas polas novidades, corre toda clase de riscos porque necesita cantidades inxentes de diñeiro e vese obrigada ao permanente xugo da flexibilidade e a exercer unha certa capacidade para adaptarse ás esixencias da súa existencia. Pero todo isto comporta unha “oposición á integridade e á inalterabilidade dos principios morais”: Somos MUTANTES dunha “moral en vías de liquidez”.

Pero leamos a Schuschny en este extenso parágrafo, só desculpable aquí pola súa importancia. Dí así: “Así, pois, como intentei escribir máis arriba, tomamos contacto con cada vez máis xente de mala índole, xente que non é capaz de soster os seus principios a partir das súas accións, e entrégase ao rigor dunha entropía moral, dunha “moral líquida”, oportunista, conveniente, pracenteira, elástica, experimental, “on-demand” na que a confianza, o respecto a “palabra dada”, como o desuso programado, deveñen, de maneira efémera, en oportunidade”. E pregúntase: ¿É esta a moral líquida, a que Bauman intuíra, ou trátase, sinxelamente dunha moral (finalmente) liquidada?.” Aquí, neste noso país, se non está liquidada está en vías de estalo, porque somos moitos a colaborar...!

Non sei se os políticos que nos representan (principalmente con poder), os integrantes persoais das institucións fundamentais do Estado, os xestores do capitalismo máis NEO e incluso nosoutros, os cidadáns de a pé, poderemos soportar, sen ruborizarnos, a imaxe que nos reflexa á luz destas palabras, e non tanto por ser vítimas da “sociedade líquida”, como por ser uns representantes dela desgraciadamente tan cualificados.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES