¡Que son muíños, aínda que sexan xigantes!
Editorial - lunes, 06 de junio de 2005
Que sentiría Don Quixote diante dun parque destes modernos artiluxios mecánicos, dos que florecen por calquera monte galego, producindo enerxía utilizando a forza do vento?
Tería razón ó ver xigantes que moven os seus brazos con fiereza e desmesura. Pero seguen a ser muíños.
A finais do pasado maio, o Presidente da Xunta inaugurou en Vilalba e Abadín os primeiros parques eólicos galegos con investimento veciñal, nos que os donos dos terreos onde estes parques se asentan posúen o once por cento da propiedade da instalación.
Son 78 aeroxeneradores que producen cada un 900 kilovatios, de xeito que o seu funcionamento evita o consumo de máis de cincuenta e cinco millóns de kilos de petróleo ó ano, evitando polo tanto -ademáis do aforro económico- a consiguiente contaminación.
Con esta e outras instalacións, entre A Terra Cha e as Pontes está xa o maior parque eólico galego, e o que ó principio era unha novidade (xigantescas estructuras brancas braceando no horizonte), hoxe forma parte da cotidianeidade nunha terra coma a nosa na que se algo está garantido é o vento, que produce enerxía gratuita inesgotable sen máis condición que ter unha instalación axeitada para recibila e transformala.
Certamente, hai quen se opón a estas instalacións por estimar que mancan o medio ambiente, agreden á fauna, e degradan a paisaxe. Pero se estes aeroxeneradores evitan novas centrais térmicas como Meirama ou As Pontes, e especialmente unha central nuclear como en tempos se intentou instalar en Xove, benvidos sexan estes artiluxios que se encaraman ó máis alto dos nosos montes e co seu movemento producen beneficios para moita xente de forma directa, e para todos indirectamente.
Don Quixote diría que son xigantes, e tería razón aínda que só fose polo tamaño. Pero tamén son muíños que non precisan présa, nin caneiro nin rodicio, e moen para nós coa paciencia interminable de muiños roulóns. E o argumento de que son grandes empresas as que os explotan pode ser rebatido pola realidade -modesta por agora- de que os veciños afectados teñan tamén parte na súa propiedade.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora