Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mestre en chamas

jueves, 21 de febrero de 2013
A educación é ese todo forxado co paso do tempo por todas as sociedades para facilitar a aprendizaxe. É tan universal como a vida mesma, e resulta imprescindible para os procesos de subsistencia, interacción simbólica e organización de calquera grupo humano. As crianzas e adultos xóvenes son educados para participar na comunidade de xeito cultutralmente axeitado por medio de diferentes institucións, desenvolvendo habilidades, aptitudes e destrezas que lle permitan reproducir os valores culturais e as estructuras sociais. Ou, cando menos, eso é o que se agarda. Porque sempre hai alguén entre os bongo-bongo ou na parroquia viciña que teima en facer exactamente o contrario do que todos os seus educadores e educadoras pretenderon nas súas ensinanzas.

Conta unha lenda chinesa que o servo preguntou a Confucio sobre a súa sabiduría: “non coñezo moitas cousas, simplemente collín o fío da historia por onde ía”.

A flexibilidade das persoas para adaptarse ao comportamento desexado (múltiple e diverso entre as poboacións humanas), a dependencia da vida social, do grupo, dos demais, e a infinita capacidade para aprender fan do proceso educativo unha resposabilidade colectiva, de toda a comunidade, de toda a tribo.

Para nós, todo isto resúmese nunha palabra: escola. O modelo occidental de escolarización burocráticamente institucionalizado que se instaurou dende mediados do século XIX, con independencia das ideoloxías e rexímenes políticos, estendeuse por todo o mundo durante a segunda metade do século XX, da mao do afianzamento e fortalecemento dos estados como entidades políticas de control absoluto dos cidadáns que residen no seu territorio.

A escolarización no nível de primaria fíxose legalmente obrigatoria antes do 1900 en Europa, Norteamérica e Xapón.

Neste contexto, a escola pasou a ser a espranza de mellora dos diferentes países. Así, os plans de estudo, a ligazón coas institucións relixiosas e económicas, os profesionais específicamente formados ou os programas de calidade educativa, son aínda, hoxe, cuestións presentes nos debates académicos, políticos e de café do noso entorno mais inmediato. Eis a importancia social da educación.

No século XVI as civilizacións urbanas (Europa, Oriente Próximo, India, China e Xapón) respondían ao modelo escolar de mestre-aprendiz. No século XXI esta idea do aprender facendo regresa con moita forza como consecuencia dos descubrimentos e avances nas ciencias cognitivas e, fundamentalmente, dos avances tecnolóxicos no almacenamento artificial de información e transmisión da mesma.

Howard Gardner (titular da cátedra de Cognición e Educación da Univesidade de Harvard) narra, nunha entrevista que lle fai Eduardo Punset no programa Redes, a historia dun alumno que lle dixo, nunha clase, que estaba explicando algo de xeito incorrecto:

-Porque afirmas que non é correcto? –retrucou Gardner.

-Porque nun artigo seu que estou a ler no meu iphone di unha cousa diferente –respostou o alumno.

O modelo actual, herdado das revolucións industrial e científica, ten un temario universal para todos os centros de ensino (currículo), os estudantes están clasificados por idades dende a ecuación infantil, o coñecemento dilúese na memorización, o resultado priorízase sobre o proceso, o estudantado é considerado cliente, as aprendizaxes son consideradas productos e, o mais dramático, é que se valora a comprensión exclusivamente por dúas modalidades: lingüística e matemática. Os exames e calificacións están presentes a cada vez en idades mais temperás, sen ter en conta que a intelixencia, o saber facer, non ten absolutamente ningunha relación coa capacidade de explicalo ou calculalo.

Habería que preguntarlle aos estadistas, aos economistas, aos pedagogos e psicólogos gubernamentais, se xa calcularon cantos repartidores e caixeiras de supermercado poderían ser mellores cirurxiáns que os que xa temos nos nosos hospitais?

Un cirurxián precisa ter unha capacidade oculo-manual extraordinaria, unha facilidade para procesar o coñecemento a través do movemento do propio corpo por encima da media e unha motricidade fina especialmente desenvolvida.

Nas aulas de infantil, primaria e secundaria hai nenos e nenas, homes e mulleres, virtuosos da cinética corporal, da visión e representación simbólica da realidade, da composición musical, da clasificación dos organismos vivos, da comprensión dos fenómenos físicos da materia ou da sensibilidade polos sentimentos dos demais, que, sen embargo, non respostan correctamente ás cuestións que lle son plantexadas nun folio durante unha ou dúas horas. Cuestións que están, simplemente, a 3-4 segundos de poder ser consultadas en calquera medio tecnolóxico actual. Suspenden sen que ninguén reparara no seu talento natural, intuitivo, para saber facer, uns anos despois, o traballo de cirurxiáns, enxeñeiros, arquitectos, mestres, músicos, artistas, debuxantes, xuices, psiquiatras, químicos… porque cecáis nestes oficios, só cecáis, non están quenes tiñan que estar.

A nosa escola, se quere estar lexitimada como espazo educativo que permita a igualdade no acceso á lectoescritura, á lóxica, á música, á arte, ao movemento, á percepción do entorno e do un mesmo, á imaxinación e ás emocións de compartir o mundo, precisa recoñecer a importancia que os costumes, normas, hábitos de cada cultura teñen na aprendizaxe dos nenos e nenas e, sobre todo, aceptar que a diversidade entrou nas escolas para non marchar. As capacidades e discapacidades, é dicir, o desenvolvemento integral das persoas é tan diverso como a propia natureza humana. Porque a diversidade é mestizaxe. E a mestizaxe permitiu a supervivencia da especie dende que a Eva mitocondrial (e algunhas das súas contemporáneas) decidira parir un sapiens sapiens hai 100-150 mil anos.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES