Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miña Nai

miércoles, 20 de febrero de 2013
Non te podes imaxinar o desacougo interior que me produce a túa ausencia.

Intentei por todos os medios racionalizar esta situación, diante da cal, so cabía recorrer á resignación, pois 95 anos veñen de ser unha traxectoria o suficientemente dilatada coma para que as funcións vitais comecen a non ir ben e xa que logo a perigar a desexada calidade de vida. Foi unha sorte chegar aí coma ti chegastes, plena, chea desa forza interior que sempre te caracterizou. Intento asumir isto con naturalidade, pero a razón choca de fronte cos sentimentos, non se complementan ben.

Agora mesmo no meu interior enfróntanse dúas sensacións: por unha banda un tremendo desacougo producido pola túa marcha definitiva e pola outra unha paz interior ao saber que a chama da túa vida foise consumindo xusto ata que a cera do carambelo chegou ao final, sen trauma, sen padecemento.

Fuches unha nai excelente e o que é quizais máis importante: unha muller excelente. Sempre atenta e solícita na procura de dar aos teus fillos o mellor e disposta a axudar a todos aqueles que o necesitaban. E o fixeches a nivel individual e tamén colectivo sen regatear esforzos, sen que nunca se vira en ti ningunha manifestación de desánimo. Cando te necesitamos e necesitaron, sempre estabas aí co teu eterno sorriso derramando felicidade sobre todo o que te rodeaba.

As túas vivencias, os teus relatos dos feitos acaecidos na túa dilatada vida, fixeron que en min arraigara esa conciencia histórica tan necesaria para entender o noso pasado máis inmediato. Contigo aprendín a ser solidario e que paga a pena nacer e vivir con tal de ter nada máis que unha nai coma ti.

Xa non acariciarei mais o teu cabelo branco coma a neve nin poderei encherte de bicos e dicirche o moito que significaches para min. Nesta soidade escura que agora me invade sinto un baleiro inmenso, un desasosego que me corroe por dentro. Sei que non volverás, que xa non estás e cústame admitilo. Agora mesmo pode máis o sentimento que a miña razón. Non, non quero ser razoable. Somos seres provistos de memoria, polo tanto seguirás vivindo en nós, serás inmortal, resucitarás a traveso de nós, dos teus netos e dos que chegarán máis adiante. Niso consiste a inmortalidade.

Non estarás connosco fisicamente, pero si no noso pensamento e nos nosos corazóns. Iso nos axudará a seguir adiante.

Na túa despedida estiveron moitos amigos, teus e meus, recordándote, dicíndome o moito que che apreciaban. Xaquín Campo, vello compañeiro, falou do senso do adeus, desa forza que imbrica ao que se vai cos que se quedan, pero foi unha frase a que máis impresionou a todos: cando dixo que: independentemente das crenzas, alí na outra dimensión na que esteas, fálalle aos nosos de nós, dilles que, a pesares dos atrancos que nos están a poñer, nós seguimos vivindo e seguiremos vivindo aquí falando de ti.

Eu, co corazón roto, intentei cantarche o “Kumbayᔠa xeito de nana espiritual para que segas a durmir no teu tempo detido, eterno. Durme, miña nai, non teñas medo, que eu estou aquí ao teu carón velando o teu soño e mexendo o teu berce. Pecharei as ventás e as portas a cal e canto do meu corazón para que nunca saias del e segas sempre comigo. Sempre.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES