Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levará o Papa consigo a mula e o boi?

martes, 19 de febrero de 2013
O mesmo día en que se deu a noticia da renuncia de Benedicto XVI a seguir exercendo de Papa, díxome con certo son acusatorio, coma se eu tivese a culpa da súa mala información, un veciño que non lle cadrara estar á misa o día de Nadal:

-Ai, home, pois pra irse tan axiña o Papa, aforrou de botar do portal a mula e boi.

Eu respondinlle con aire de media réplica á súa velada acusación:

-Sospeito que a túa información neste tema da mula e do boi, que tanto deu que falar no Nadal pasado, viríache a través de catequistas coma o Gran Wyoming, ese portento de humorista e presentador, licenciado en medicina, coa especialidade de capador sen anestesia, de todo o que cheire non só a eclesial senón tamén a cristianismo.

-Pois a min gústame. Por que dis iso? -preguntou el.

Respondín eu:

-Pois, porque a min e a moitos outros fírenos intencionadamente nos máis fondos sentimentos e sendo, como di que é admirador de Tip e Coll, debera ter aprendido deles que o humor, se o é de verdade pode ser crítico, pero non ferinte. El, e o medio do que cobra, coma moitos outros, desinformados, desinformantes e mal intencionados manipulararon e tomaron a cachondeo canto quixeron este tema da mula e o boi. De maneira que como eu sufro miopía non me parece que lle acaia moi ben o título de Gran. Parécenme máis ben comportamentos pequerrechos. Así e todo, recoñezo que a súa capacidade intelectual debe ser tan grande que a nobre profesión de médico fíxoselle economicamente pequena e meteuse tamén a teólogo de tras das silveiras cunha extraordinaria capacidade para entresacar frases bíblicas e reviralas con mestría co de dentro para fóra.

Agardo con ansia que amplíe a súa sociedade “Asuntos y Cuestiones Varias” pola que Hacienda lle tivo que reclamar 910.000 euros e monte outra academia que comece a dar clases de islamismo cos mesmos métodos cos que as dá de catolicismo, para romper dunha vez ese tópico de que os acedos criticóns españois do cristianismo acongojónanse á hora de criticar outras crenzas. Admiro a súa tolerancia e a de tódolos do seu estilo en contraposición coa intolerancia doutros, coma por exemplo eu mesmo, que dende a humilde condición de fillo de labregos galegos non puiden ter acceso a unha cultura tan aberta, democrática e refinada como a dun fillo de acaudalados farmacéuticos navarros tan sibarita que ata aprendeu a degustar cristos cociñados. ¡Iso si que é finísimo humor, creatividade e “una perla de la libertad de expresión”, que diría o SR. Presidente da SGAE!

Aínda me replicou o veciño:

-Vese que non che caen moi ben presentadores coma ese.

Tamén eu lle repliquei:

-Estás moi equivocado. Non ves que estou tratando de iniciarme no seu peculiar concepto do uso da liberdade de expresión? A ese en concreto estoulle moi agradecido, porque para min é unha especie de bicabronato que me aforra moito en copagos farmacéuticos e mesmo en menciñas.

-E iso?-seguiu el querendo saber máis.

-Pois iso –seguín tamén eu- porque, cando teño o estómago revolto, escóitoo un chisquiño e antes de cinco minutos xa evacúo por riba e por baixo e quedo moi a gustiño. Supoño que a quen é tan libre nas súas expresións non lle parecerá mal, nin de pouco gusto, que eu faga público como me funcionan os esfínteres superiores e inferiores.

Volveu a atrás o veciño:

-Pero que ten que ver iso coa mula e boi?

Tamén eu volvín a atrás:

-Xa non lembraba por onde empezáramos, debe ser culpa da demencia senil. Pois ten que ver que, en contra da mofa e befa que fixeron do asunto algúns “informantes”, o Papa non suprimiu nada. No seu libro, “La infancia de Jesús”, di, (e eu lino), que os evanxeos de Mateo e Lucas que son os dous que falan da infancia de Xesús non din nada de que houbese un boi nin un burro no portal, (probablemente cortello do gando), pero que podía habelos aínda que non os citen os evanxelistas. E que ten un apoio bíblico no Antigo Testamento esta tradición e tamén que hoxe, debido a esta tradición e a outros factores, “ningunha representación do nacemento renunciará ao boi nin ao burro”. Di cousas moi interesantes, pero que, coma en moitos outros casos, servíronnolas pasadas polo coador do capador de garda. Se estiveses na misa do día de Nadal, xa me terías escoitado dicir que algún dos que levan anos tratando se suprimir a Xesús de Nazaré de beléns e non beléns, agora poñen o berro no ceo porque, segundo eles din, suprimiron a mula e o boi. Supoño que será debido a que estes séntense máis identificados coa mula e co boi ca co defensor dos pobres, co que nos chama á paz, á solidariedade e á concordia e co que morreu por defender un mundo libre de toda clase de capadores, mesmo clericais.

Como na miña casa cando eu era neno había egua e de cando en vez traía unha mula ou un mulo, que se vendían a tratantes casteláns, os meus avisábanme moito: “Ten coidado cos mulos, neniño, que che son moi falsos”.

A todo isto, aproveito a ocasión para dicir que a decisión do Papa actual paréceme exemplar e acorde cos tempos e coas limitacións humanas e, con tódolos respectos para o sufrimento de tódolos humanos, non mo pareceu tanto a televisada longa agonía do anterior.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES