Vive no Ourovello, onde naceu en 1930. Ven de publicar o libro "Lembranzas dunha

vida", contando anacos fermosos e fondamente cultos, fortísimos, das súas vivencias como nena primeiro, como muller despois, como nai e avóa, como galega exercente, como exemplo perfecto da cultura popular que reinou no noso país ata non hai moito tempo en que a uniformidade, a modernidade, o progreso nos abateu como país e como persoas.
Souben da publicación do libro a través da UNED Senior de Xestoso, e recibín un exemplar do seu fillo Francisco, magnífico pintor premiado en Begonte este Nadal (e o anterior), precisamente por un cadro que figura no libro e reflicte unha panorámica de Sada vista desde o Ourovello.
Se alguén coida que coñece o ser de Galicia, que lea o libro de María Francisca Rodríguez Cabanas. Se alguén coida que sabe escribir o que sinte, o que ve, o que ocorre, que lea este libro.
Galicia, antes de que nos liquidase a civilización, a luz eléctrica, as estradas, os teléfonos e os grupos escolares, vive no libro desta muller da súa casa, da súa familia, da súa terra.
O libro LEMBRANZAS DUNHA VIDA é un caleidoscopio racial, unha visión profunda da

inmensa profundidade da Galicia que comezamos a perder a mediados do século XX, e que comezamos a esquecer nas postrimerías daquel século convulso que -visto desde agora- empeza a parecernos un tempo en calma.
Anda Francisca agora polos magníficos oitenta e tres anos, pero as observacións que no libro fai teñen xa dez anos. Polas súas expresións, evidencia que lle parecía idade elevada a dos setenta e tantos. Cabe supor que nesta altura do tempo comprobe que está nunha segunda magnífica mocidade sendo esta maternidade literaria a constancia de que está viva, tremendamente sensible, receptiva, independente, clarividente, magnífica.
E se alguén coida que a miña visión é excesiva, esaxerada, impropia dun xornalista que pretende ser imparcial, invítoo a que consiga e lea o libro de María Francisca Rodríguez Cabanas, e poderá comprobar que esta veterana galega ten o don do coñecemento adubiado pola experiencia, unha visión clarísima de cómo funcionaba esta sociedade, unha humanidade sen límites froito de todas as vivencias.
Deixoume impactado este libro de memorias dunha muller da súa casa que podería gobernar un mundo. De feito, gobernou un mundo: o da súa casa, a súa familia, a súa xente. E este libro é a proba.