Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fitur, un paso adiante

viernes, 15 de febrero de 2013
Fitur, un paso adiante Compás social

Do 31 de xaneiro ó 3 de febreiro celebrouse aquí en Madrid a FITUR, Feira do Turismo. Coma outros anos fun a vela, porque dalgún xeito coñécense virtualmente moitos países, rexións, comarcas e cidades españolas que alí mostraban graficamente o seu mellor patrimonio natural e histórico-artístico. Este ano, co gallo da crise, os medios de comunicación anunciaban unha feira minguada e posiblemente imaxinábana máis empobrecida. Afortunadamente, ó meu ver, non foi así. A Feira do Turismo ocupou un espacio máis reducido, con menos expositores, pero en moitos aspectos esenciais deu un paso adiante neste escenario de temores.

Os deseñadores, facendo da necesidade virtude, con menos medios económicos e con materiais máis sinxelos, idearon novas formas de pavillóns, de postos e mostradores realmente fermosos. Sen ostentacións, pero vistosos e funcionais. A pléiade de azafatas, como sempre, atentas ós servizos de informar, ofrecer mapas e bolsas, folletos e pequenas degustacións de produtos típicos de cada lugar, mais sen dilapidacións ostentosas. Os grupos musicais de animación, aínda que menos numerosos, tiveron actuacións atractivas. As cafeterías e restaurantes abertos funcionaban con prezos moderados.

E o público visitante? Os medios de comunicación dixeron que, a pesar das restricións e temores, os visitantes habían aumentado un 3% este ano. Persoalmente sorprendéronme algúns detalles: apenas vin, coma noutros anos, papeis de todo tipo estrados polo chan, nin papeleiras rebordando de restos de comida e de toda clase obxectos desbotados. Non sei se este mérito pertence só as limpadoras, mais eu atribuíno a moderación de todos: equipos de limpeza, persoal empregado nos pavillóns e público visitante en xeral, que polo seu número marca sempre a pauta da feira.

O epicentro da miña visita á FITUR estivo nos mostradores de Galicia. Tiñan unha oferta de material gráfico máis moderada que a doutros anos, pero moi digna. Resultaba agradable no conxunto. Os gaiteiros actuaron con moito éxito de público. Especial atención prestei ás ofertas, informacións, mapas e folletos da provincia de Lugo; e máis en concreto, ó material ofertado pola Mancomunidade da Terra Chá. Os cinco concellos mancomunidados (Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei e A Pastoriza) seguen avanzando cuns folletos sinxelos pero ben feitos. Este ano trazaron sobre o mapa de cada concello unhas rutas a percorrer, de gran riqueza natural e histórico-artística. Especial mención merecen as nove rutas propostas polo concello de Outeiro de Rei.

Fitur, un paso adianteNon obstante, unha ollada mancoume a vista, como me ocorrera noutros anos: alí estaban representados só cinco concellos da Chaira, non os doce ou trece que forman a Terra Chá enteira. Solicitei información sobre os ausentes, e apenas me ofreceron algunhas referencias diluídas. Para lograr e consolidar un turismo estable de estancias curtas, medias ou de maior duración, sería máis fácil conseguilo cunha oferta conxunta de toda a Terra Chá coordinada, cuns espazos rurais e urbanos máis amplos e variados. A unidade crea eficacia, economía de medios e modernización de estruturas a unha maior escala.

Na FITUR estaban os emprendedores, os creadores imaxinativos, os profesionais esforzados, os traballadores responsables e un público respectuoso de todos os países, de todas as comunidades autónomas, nunha convivencia pacífica e festiva. Todos se adaptaron de forma ética e estética a unha situación de austeridade sen ostentacións nin estridencias. E neste sentido podemos dicir que a Feira do Turismo deu un paso adiante, adaptándose á crise e creando convivencia normal dos cidadáns, dentro da unidade e da variedade dunha sociedade global alí representada. Todo un exemplo para estes tempos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES