Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha carta ao Dr. La Blunda

jueves, 14 de febrero de 2013
Unha carta ao Dr. La Blunda
[Interventor do Centro Galego de Bos Aires]

Prezado don Carlos:

O primeiro é pedirlle desculpas pola miña indiscreción de escribirlle unha carta pública. Se publico estas liñas na prensa é porque estou fondamente preocupado polo futuro do Centro Galego de Bos Aires que como vostede comprenderá non é un tema de carácter reservado ou privado. Síntome apenado diante da intervención xudicial da máis importante entidade galega na Arxentina. A centenaria asociación de emigrantes está fóra das mans das súas autoridades electas. Abondan entón os motivos para estar ao axexo dos acontecementos que se vaian sucedendo xa que o espazo porteño no que faleceu Alfonso Rodríguez Castelao non é unha asociación máis da colectividade.

Estamos a falar de máis de 100 anos dunha historia chea de éxitos na contribución solidaria ao benestar físico e espiritual dos emigrantes aínda que se somos obxectivos temos que poñer un punto negativo no ano 2012 dentro do apartado de xestión dos fogares sociais galegos no exterior. O avós emigrantes ergueron unha acolledora lareira na que quentaban os corpos e os espíritos os milleiros de asociados que mediante unha cota mensual apoiaban a obra comunitaria. Aqueles albaneis que cruzaron o mar fixeron un niño en Bos Aires con vimbios riopratenses pero sen esquecer a tradición artesá galega de crear pezas de utilidade.

Os esforzos e suores dos fundadores están presentes no sangue dos herdeiros que recibiron un dobre legado: material e sentimental. Os netos non poden renunciar ou presentar a demisión da estirpe orixinaria xa que o ADN non se pode elixir coma se fose unha saia ou un pantalón. Nestes tempos onde os pesos mandan moito temos que ser serios e defender con firmeza a viabilidade dunha sociedade mutualista e non caer no erro de moda chamado “privatización”. O fallo no Centro Galego non foi motivado polo modelo asociativo e o exemplo témolo en Montevideo onde a Casa de Galicia sae adiante cos seus propios recursos.

Son consciente, don Carlos, que o seu labor está cheo de dificultades. Non é doado cumprir un encargo ético que non recibirá ningún premio ou medalla. O que vostede faga será analizado polos historiadores cando dentro duns anos recollan as crónicas destes días de incerteza e desalento. Terá que vacinarse para poder ir polos corredores debidamente inmunizado diante de calquera nociva “chamuyada” dos receitadores de apócemas máxicas que prometen sandar ao enfermo sen tratamento agresivo. O noso paciente da esquina de Belgrano e Pasco está infectado por unha activa bacteria da variedade “malandra” que destrúe as células sas como fai o verme na cesta das mazás.

Quero pedirlle convoque reunións mensuais para debater sobre a concreción e definición da estructura societaria do novo Centro Galego de Bos Aires. O consenso das partes implicada é imprescindible. Se vostede o considera axeitado convidará aos representantes dos asociados, dos traballadores, dos organismos arxentinos e da Xunta de Galicia. Sobre a participación da Xunta corresponde precisarlle a miña particular opinión de que é moi necesaria porque a achega do goberno autonómico vai máis aló dunha subvención das cotas dos socios nacidos en Galicia. O noso goberno ten a obriga e o compromiso moral de non deixar esmorecer o patrimonio material e inmaterial dos galegos no exterior.

Eu son optimista e sei que das reunións que vostede convoque sairá unha entidade de futuro ou dúas [Hospital e Instituto de Cultura] que non virá das présas nin das improvisacións senón do debate serio e sensato dos proxectos que se presenten. Espero que ningún dos asistentes levante o tello do pote para botar dentro un chisco de “privatización” xa que o noso caldo tradicional non admite compoñentes alleos que estraguen o seu sabor. As actuais propiedades foron mercadas para uso social e as obras de arte [Castelao, Colmeiro, Díaz Pardo, Maside, Laxeiro, Seoane] forman parte indivisible do inmoble. Os cadros son símbolos e representan a cada un dos emigrantes desembarcados na Arxentina. Así o quixeron os seus agradecidos autores cunha terra na que sempre tiveron ao seu carón un mate quecedor de morriñas.

Remato estas liñas esfiañadas ofrecéndolle o meu entusiasmo e a miña maior disposición para colaborar de xeito honorario na recuperación do noso egrexio Centro Galego de Bos Aires. En especial para axudar na recuperación o más axiña posible da actividade cultural no seo do Instituto Arxentino de Cultura Galega. A miña proposta é a impartición dun curso sobre la presencia de la emigración gallega en el mundo del tango. Coido que o camiño máis axeitado para revitalizar a chama cultural é a lembranza e posta en valor dos autores galegos de tangos universais que hoxe son Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade [Declaración da UNESCO do 30-09-2009].

Reciba un cordial saúdo desde as beiras de Santiago de Compostela.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania