Madrigais ao Neno
Otero Canto, Xosé - lunes, 11 de febrero de 2013
A primeira vez que vin un belén foi de pequeno, na miña parroquia da Ponte de Outeiro, Castro de Rei (Lugo), e quedei abraiado ao contemplar aqueles ananos que semellaban ser de verdade no acontecer diario da realidade, por esa confusión coa fantasía que se dá nos nenos, e de aí as súas posibilidades de soñar para enteder outras realidades que os máis grandes con conciben.
Xa de grande, o Belén de Begonte pereceume unha imposibilidade do real, unha utopía coas figuriñas movéndose en representación dos quefaceres tradicionais da nosa terra.
Merecen especial atención destes aconteceres a xente que traballa e traballou sen pedir nada a cambio, entre os que recordamos a José Rodriguez Varela (Joselín), José Domínguez Guizán, Teté, e Xulio Xiz.
Froito dos recordos son estes versos clásicos do primeiro premio do Belén de Begonte 2013.
I
Polo Ladra abaixo en batuxo chegou
cando os prados estaban sulagados
e a ametencia os tapou.
Abeirou ao peirao de Begonte
denantes ca Santiago O Maior.
Correron os pastores abraiados
recibir a impronta do Deus Salvador,
metéronse no río ata os queixados
e véndose das roupas enxugados
comprenderon que era O Noso Señor.
II
Levárono ao Centro Cultural,
que por riba da estrada ten a estadía,
nun alboio principal
onde mora a concordia e a armonía.
Solidariedade pediu en Begonte
e madrigais para o pícaro loubar.
Todo isto ocurriu trasantonte:
Oito ou dez versos para o neno,
once e sete sílabas o pequeno
mais que ningún quede sen rimar.
III
Madrigais para ti picariño,
ben rimados e de fonda verdade . . .
San Xosé fixo o lume para o Meniño
e a Virxe de bondade
acalenta as súas mans solermiño.
As trapelas dos ollos van caendo
e o sono vai chegando
cunha tenra sorrisa
dos beizos indecisa
brandoeira de amor coruscando.
IV
Para non espertalo,
xa non cantan os paxaros o seu chío;
tampouco canta o galo
anque se empolique no poleiro . . .
San Xosé deixa a garlopa no ripeiro
e a Virxe amodiño
colle as espitas do agulleiro
e calceta unha branca carapucha
mesturando la e liño
que ten en madeixas encima da ucha.
V
O boi e a mula acanean a testa
e bótanlle ao neno ispidiño
seu bafo mol e quentiño;
entrementres na cesta
dorme o malpocadiño.
Arriba na aldea
andan labregos con feixes de leña,
tres reis sabios seguindo unha estrela,
e unhos pastores por unha verea
tráenlle ao lombo cada un súa ovella.
VI
A Xesús sáltanlle as bágoas dos ollos
e ninguén sabe a razón . . .
Dádelle torta de ovos,
mel, queixo fresco e turrón,
manteiga da nosa terra
e de leite con castañas a ración.
Non quere manxares o Deus fillo,
non quere lamboadas nesta ocasión,
arela para todos acubillo
e para os desafiunzados, bendición.
(Este poema de Xosé Otero Canto acadou o primeiro premio do XXXVII Certame Nacional de Poesía do Nadal do Belén de Begonte).

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora