Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quero subir a María Fumaça

miércoles, 13 de febrero de 2013
María Fumaça é unha locomotora de vapor que vai recorrendo paisaxes interculturais de música, poesía e alegría nun paraíso imaxinario “sen semáforos ou sinais, sen fronteiras nin alfándegas, sen direccións prohibidas”; neste paraíso hai unha raíña que impón a lei da liberdade e a alegría, dándolle de beber aos seus súbditos poesía composta polas mellores plumas e cantada polas mellores voces.

María Fumaça é un paraíso de ledicias e corazóns que procuran a tenrura doce dos bicos e das apertas; aquí ordena a diversidade e a valoración da persoa dende a grandeza do seu interior máis alá das súas características individuais.

O proxecto nace arredor dunha persoa singular: Ruí, un rapaz de 6 anos que ten parálise cerebral. Como anécdota contarei que cadrei co Ruí hai uns anos nun congreso de TADEGA (Tecnoloxías Adaptadas á Diversidade e a Educación de Galicia) onde eu era o derradeiro ponente. Cando rematei, empezou a soar unha música que viña aloumiñada pola voz dun neno que pouco a pouco se ía emocionando na melodía, era o Ruí que lle daba a cada son un pleno significado emocional.

Agora a súa madriña Uxía e un montón de amigos deciden poñerlle poesía e música ás emocións de Ruí (que interpreta no seu rexistro particular o mesmo tema que clausurou o congreso de TADEGA: “Ruí e as baleas”, acompañado na música por Magín Blanco e Ruí Sío), subíndose a unha locomotora de soños e humanidade intercultural que demostra que a unión entre maxia, música e poesía racha todas as fronteiras. En María Fumaça todos/as son creadores/as e executores/as de emocións; nada máis abrir o libro-disco atopámonos co credo do proxecto: a alegría. Pero pouco a pouco vamos entrando nun paraíso infantil que nos devolve a nenez perdida ou esquecida transitando por letras incribles como “A sopa do nené”, “A bruxa Maruxa” ou “O demiño Rapatú”, acompañadas de músicas que nos erguen en ledicia o corazón.

María Fumaça é un proxecto que conta cos mellores letristas, compositores e intérpretes: Sergio Tannus, a propia Uxía, Magín Blanco, Chus Domínguez, Quico Cadaval, Carlos Blanco, Tatán R. Cunha e un longo etcétera. Pero tampouco se esquece de beber do que xa se ten feito en literatura infantil na nosa cultura, e introduce dous temas de Manuel María: “Señor Gato” (“Os soños na gaiola”, 1972) e “O Semáforo” (“As rúas do vento ceibe”, 1979).

Cando dicimos que este é un proxecto bébedo de cultura non só nos referimos á propia; María Fumaça aspira a ser unha gran familia que traspase fronteiras e idiomas para chegar a todos os nenos do mundo; así podemos atopar a canción en inglés “Bananaphone” ou o tema tradicional do Sáhara “Tadia”. A locomotora de María Fumaça vólvese así un medio para descubrir o mundo compartindo experiencias con cada persoa que nos rodea.

María Fumaça é máis ca un disco, ou un libro, ou un DVD cun karaoke e diversos videoclips. É unha familia e un proxecto educativo que pode dar nome a unha xeración, como o fixo o Xabarín! Tal e como di Ana Senlle no tema que pecha e lle da nome ao disco:

“Cada día somos máis,
chegaremos a cen mil,
de familia grande
coma o Xabarín”

Desta volta os valores son: a normalización, a diversidade e a necesidade de afrontar a vida con ledicia. Unha grande empresa que conta cos mellores obreiros das verbas e das notas musicais; dispostos a abrir risos e sorrisos alí onde fixera falta.

Quero subir a María Fumaça, contaxiarme da súa ledicia e viaxar polos roteiros da imaxinación. Nunha canción titulada “Ir lᔠdi Chus Domínguez (a nai de Ruí):

“Polo Sil a Portomarín,
dentro dun catamarán,
irei ver a Juan David,
a Daniel e á súa irmá.”
Pois aquí a gardamos á locomotora da ledicia con toda a súa xente.

María Fumaça, Sonárbore. Galaxia, Vigo 2012.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES