Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a "Operación Rei" (III): Reflexións dun non letrado

miércoles, 13 de febrero de 2013
En relación coa Operación Rei puidemos ler e non sei se escoitar, porque nin escoito moito a radio nin vexo moita televisión, algunhas poucas frases das que aparecían nas conversas telefónicas intervidas, como xa dicía nas reflexións anteriores.

Tamén anunciaba facer referencia a algunhas conversacións non por teléfono con Valiño.

Non pretendo desvelar secretos pero paréceme que podo dar testemuño de algunhas actitudes que non creo que aparezan no sumario. Unha vez, falando con el de se podería atoparse algunha solución para o problema dunha familia do Concello na que a muller estaba enferma de cancro e o home acurtara bastante a beber mentres tivo traballo, puiden comprobar como o daquela Alcalde trataba de atopar a maneira de compaxinar legalismo e humanismo, cumprimento da legalidade e práctica da caridade.

Ben coñezo o principio de que o fin nos xustifica os medios, pero tamén sei que os medios cambian a miúdo por obra e graza do lexislador do momento, e se non, repasemos os medios para conseguir o fin dunha educación de calidade desde o 1970 a hoxe: LGE, LODE. LOGSE, LOCE, LOE e a anunciada e tan polémica lei de Wert que antes de nacer xa prometen derrogala os da oposición cando gobernen. De maneira que, polo que se ve, os medios son moi efémeros e cambiantes.

A outra das “imputadas”, Ana Canto, téñolle visto chamar, a esta por teléfono, a algún dos seus irmáns, ós que xa se lles encomendaban no noso Concello traídas de auga, ou reparacións na rede de subministro de ben tan necesario, moito antes de que súa irmá fose edil ou concelleira. Téñolle visto chamalos mesmo algún domingo pola tarde para que viñesen solucionar problemas nalgunha tubaria a fin de que os parroquianos non estivesen sen auga para o gando e para a xente. Probablemente se fose unha empresa de Pontevedra en vez dunha de por aquí, ou non viñese ou non chegase a tempo.

A Robeto Lorenzo e a Antonio Balado tamén os teño visto, e téñenme contado, que non tiñan reparo en días festivos en buscar solucións a problemas imprevistos, renunciando a un descanso ao que terían tanto dereito coma calquera.

Da secretaria, María Josefa, a impresión que teño, e que temos varios, é a de que ten unha certa obsesión, a veces ata excesiva, por que se cumpra a legalidade. Por iso fáiseme difícil pensar que, a sabendas, e con mala intención cometese ou permitise cometer grandes ilegalidades.

Calquera, despois de ler estes artigos sobre esta cuestión que afecta a coñecidos e veciños e ó Concello no que nacín e vivo e do que un día, antes de ser Alcalde Valiño, a Corporación Municipal por unanimidade tivo a ben nomearme fillo predilecto sen eu merecelo, poderá darse conta de que pretendo que non sexan condenados pola opinión pública antes de seren xulgados os “imputados” nesta Operación e tamén quixera, sen presuncións nin arrogancias, invitar a aplicar aquela columna do dereito que, sen ser letrado, algún día aprendín: “In dubio pro reo”, ou sexa: “Ante a dúbida, a favor do reo ou do acusado”.

Tamén quixera que isto non fose interpretado como falta de respecto, de admiración ou de aprecio por quen ten a difícil misión de administrar xustiza conforme á lei. Pero, no Evanxeo aprendín que as leis deben estar feitas para servizo dos homes e mulleres e non estes para seren escravos da lei, que ás veces coa lei na man poden cometerse grandes inxustizas, ¿ou non estaba amparada pola lei a inquisición? ¿E non está mandado pola lei aínda hoxe en Irán que se mate a pedradas ás mulleres acusadas de adulterio, como o estaba en Israel ata que Xesús as despenalizou, sen por iso bendicir o adulterio?

Non me considero un ácrata nin un anarquista, pero penso que as leis humanas tamén hai que relativizalas. Por iso unha vez díxenlle a D. Antonio Rouco Varela: Teña coidado D. Antonio, porque vostede é un especialista en dereito e os especialistas en dereito tamén son especialistas en leis, e os especialistas en leis poden acabar sendo especialistas en direccións prohibidas, e se nunca ninguén pasa por unha dirección prohibida, o mundo non avanza. Se as leis do Concilio de Trento fosen inmutables non habería Concilio Vaticano II.

Tampouco estou de todo seguro de ter razón, pero mentres non me demostren o contrario, tratarei de buscar des-culpas para os non condenados e atenuantes tamén para os condenados, e non deixarei de ser amigo dos amigos que teñan fallos, porque se alguén buscase amigos en todo perfectos ninguén me podería acoller a min como seu amigo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES